DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 27 de febreiro na sala Alterarte

Fotos, esculturas e maquetas combínanse na exposición "Reliquias"

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 26/01/2009

A sala Alterarte, disposta para todos aqueles novos artistas que queiran amosar os seus traballos, inaugura o ano cunha exposición que xira ao redor da idea do tempo e a natureza. Estes dous eixos son os que inspiraron a Samuel Castro á hora de crear as obras que compoñen a mostra Reliquias, dende a s(a)(o)(u)ciedade @ccidental que se poderá visitar ata o 27 de febreiro.
“O seu traballo é froito de experimentar, empregando o método científico para abordar a realidade”, explicou Ignacio García, comisario da exposición e coordinador do proxecto Alterarte. O artista, Samuel Castro, licenciado en Belas Artes na Universidade de Vigo, interésase polos procesos complexos que causan a erosión nos materiais, as consecuencias do paso do tempo e a metamorfose que sofre a paisaxe. “As súas obras non se pechan por completo ao rematalas, porque cada traballo lévao a outra creación nova”. Para o comisario, Castro é un artista “de taller e de acción, ao que lle gusta experimentar e buscar novas posibilidades”.
En Reliquias apréciase que as pezas que compoñen a exposición proceden de “mesturar diferentes técnicas plásticas e metodolóxicas”, dixo Castro; pódense observar fotografías, esculturas, maquetas e ata vídeos documentais nos que amosa o proceso dalgúns dos seus traballos e que, ao mesmo tempo, son pezas artísticas en si mesmas. A natureza tamén está moi presente na súa obra “pero non no sentido do que máis se fala hoxe en día dela, de ecoloxismo e sustentabilidade” senón que ofrece unha visión crítica. Á hora de expresarse, Castro intenta “que cada obra se diferencie da anterior, non é unha mostra lineal”. Con esta exposición pretende “ que independentemente dos coñecementos de arte que teña o público, se sintan atraídos e gocen do seu traballo”.

Próxima exposición

Alterarte continúa con bo ritmo no mundo da cultura. A próxima exposición, de carácter fotográfico, chegará da man de José Ángel Fontela Chas na primeira semana de marzo. Nesta ocasión baixo o nome de Preventorio agáchase “unha serie fotográfica, moi frontal, realizada en Tarragona sobre un edificio en ruínas adicado noutros tempos a realizar a función que indica o título”, adiantou o comisario da exposición.