DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co reto de "traballar en beneficio de todos"

Francisca Fariña asume o decanato de CC da Educación e do Deporte co apoio do 82% da Xunta de Facultade

O centro contará cun novo vicedecanato para temas de innovación e de calidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 12/05/2011

47 votos a favor, 9 en contra e unha abstención permitíronlle a Francisca Fariña converterse na nova decana electa da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Aínda que desde maio de 2010 xa asumira o papel de decana en funcións, foi este xoves ratificada oficialmente pola Xunta de Facultade, contando co apoio do 82,5%. Afronta estes tres anos cun equipo de goberno readaptado “á realidade do EEES”, ademais dun novo vicedecanato para temas de innovación e de calidade. Para Fariña o obxectivo principal “é traballar para todos, conseguindo que a facultade medre e se consolidade grazas á unión de esforzos de PDI, PAS e alumado”.

O apoio do profesorado de Ciencias da Educación e do Deporte foi o que levou a Francisca Fariña a presentarse ás eleccións, “aspecto que quedou rexistrado no resultado das votacións”. O equipo de goberno que guiará á facultade está formado por “vellas caras” e por novos profesores “cargados de ideas e de ilusión”. Deste xeito, Carlos Lago Peñas, antigo secretario da facultade, pasa a ocupar o vicedecanato de Relacións Institucionais e Estudos de Posgrao; Leonardo Fuentes continúa asumindo o vicedecanato de Estudos de Grao, Practicum e Formación Continua. As "novas fichaxes" atópanse no vicedecanato de Organización Académica, Espazos e Equipamentos, a cargo de Uxío Pérez; Jorge Viaño, no vicedecanato de Calidade e Innovación e María de los Ángeles como secretaria da facultade.

Vindeiros retos

Como grandes liñas xerais de intervención para os próximos tres anos de goberno, a decana Francisca Fariña destaca en primeiro termo finalizar a implantación dos títulos de grao, “adaptándonos á perfección ao EEES e velando polos criterios de calidade esixidos para acadar a acreditación final dos mesmos”. Nesta mesma liña teñen a intención de aumentar a oferta de posgraos, “que ofrezan continuidade de estudos aos nosos egresados e que respondan ás súas necesidades formativas”.

Tamén contempla unha mellora na dotación de equipamentos e infraestruturas “pois o EEES demanda máis seminarios, máis despachos e máis instalacións de carácter deportivo”. No eido da investigación irá na procura “de que a revista da facultade se consolide como referencia de calidade científica”, ademais de apoiar activamente o Centro de Estudos Olímpicos da Universidade, “con sede neste centro”.

En definitiva, a nova decana electa quere asumir un goberno “colaborativo, onde todos teñen voz”, no que tanto PAS, como PDI e alumnado “atopen en nós un apoio fundamental, procurando sinerxías coas que todos nos sintamos partícipes, coas que un logro alleo sempre se tome como propio, porque debemos buscar o mellor para esta facultade”, conclúe.