DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade celebrará eleccións o vindeiro luns 3 de febreiro

Francisca Fariña presenta a única candidatura ao Decanato de Ciencias da Educación e do Deporte

A actual decana en funcións sitúase á fronte dun equipo que aposta pola continuidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 29/01/2014

Dar continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos anos é o eixo central da única candidatura presentada ás eleccións ao Decanato da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Á fronte desta sitúase a catedrática Francisca Fariña, que desempeña o cargo de decana desde maio de 2010 e que decidiu optar de novo ao posto despois de que “membros da facultade fixérannos chegar o seu interese porque o actual equipo continuara”. De feito, na directiva incluída na proposta que se someterá a votación o vindeiro luns figuran a actual secretaria, María de los Ángeles Fernández, e tres dos catro actuais vicedecanos, Jorge Viaño, Uxío Pérez e Carlos Lago, aos que se suma Esther Martínez.

Despois que o pasado luns se pechase o prazo de presentación de candidaturas, este mércores a Xunta Electoral procedeu á proclamación provisional da lista encabezada por Fariña e deu apertura a un período de reclamacións que concluirá o venres coa proclamación definitiva da candidatura. O luns seguinte, 3 de febreiro, os 47 integrantes do corpo de PDI, os nove membros do PAS e os sete representantes do alumnado que integran a Xunta de Facultade decidirán se outorgar ou non a súa confianza á única candidatura que concorre as eleccións nunha votación programada para as 12.00 horas en primeira convocatoria e as 12.30 horas en segunda.

Un equipo que aposta por seguir na mesma liña

Elixida decana en maio de 2011 despois de levar xa un ano exercendo o cargo en funcións, Fariña salienta ao remate do seu mandato a “colaboración dun equipo decanal que traballou con gran intensidade” e ao que agradece publicamente o seu labor, ao igual que tamén “o dos coordinadores de grao e máster, que traballaron moito e non só na coordinación deses estudos, senón tamén formando equipo con nós”. Así mesmo, a responsable en funcións de Ciencias da Educación e do Deporte tamén destaca a implicación do profesorado, alumnado e persoal da facultade, “que participou nas numerosas comisións que convocamos e que permitiron dotar dunha maior participación e transparencia á xestión do centro”. De aí que incida en que, se a súa candidatura é apoiada, entre os seus obxectivos para os próximos tres anos figurará “seguir fomentando un ambiente no que profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos sinta a facultade como súa”. Neste senso, incide en que “todos contribuíron a que se cumprise de forma satisfactoria o contrato-programa do centro” e destaca tamén a súa vontade de “intentar recoller todas as suxestións, valoralas e intentar darlle saída para mellorar o centro, tal e como se fixo nestes anos”.

Así mesmo, Fariña incide en que, de resultar reelixida, tamén porá o foco na mellora das titulacións existentes, na continuidade dos proxectos de innovación docente ou en seguir apoiando a Revista de Investigación en Educación que edita a facultade, “para que poida alcanzar os niveis máximos de cualificación externa”. Tentarase, en resumo, dar continuidade ao labor desenvolvido nos últimos anos. “O único que nos avala é o traballo realizado e imos intentar seguir facéndoo da mesma maneira”, salienta a actual decana en funcións.

Esther Martínez, nova incorporación

Tanto Jorge Viaño, vicedecano de Calidade e Innovación Educativa; como Uxío Pérez, responsable de Organización Académica, Espazos e Equipamentos, e Carlos Lago, vicedecano de Relacións Institucionais e Estudos de Posgrao, forman parte da candidatura que o vindeiro luns se someterá a votación e que tamén integra a actual secretaria da facultade, María de los Ángeles Fernández. A única variación nesta proposta con respecto ao actual grupo directivo en funcións é a entrada de Esther Martínez na área de Estudos de Grao, Practicum e Formación Continúa, na que tomaría o relevo de Roberto Barcala. Este cambio vén motivado polo volume de actividade deste docente, director do grupo de investigación Remoss, “que actualmente se atopa nunha fase de importante nivel de traballo para conseguir consolidarnos como un equipo de referencia”, apunta o propio Barcala, que explica que xa o curso pasado amosou a súa vontade de “dar o relevo dentro dun equipo que funciona moi ben e que poderá seguir contando coa miña colaboración”.