DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao fío da Semana Galega de Filosofía

Francisco J. Ayala defende en Vigo a compatibilidade de evolución e cristianismo

Para o prestixioso científico a existencia de Deus é unha cuestión de fe

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 27/03/2008

A evolución e o cristianismo son perfectamente compatibles. Teorías como o deseño intelixente e o creacionismo non teñen detrás fundamentos científicos que as soporten e, desde un punto de vista relixioso, resultan máis que nocivas. Así o defendeu o científico Francisco José Ayala, doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo e unha eminencia no campo dos estudos sobre a evolución, nunha conferencia impartida este xoves no Edificio de Ciencias Experimentais.
“A ciencia non demostra nin deixa de demostrar a existencia de Deus, isto é simplemente unha cuestión de fe e da teoloxía, pero o que está claro é que se el tivese deseñado os organismos, como un enxeñeiro deseña un coche, o que fixo é unha chapuzada. Non podemos esquecernos de problemas como o canal de parto das mulleres, que é demasiado estreito, ou o tamaño da mandíbula, demasiado pequena para acoller todas as pezas dentais e sempre nos teñen que acabar sacando a moa do xuízo”, afirmaba Ayala.
Ao fío das explicacións sobre a teoría da selección natural, Ayala resumiu aos asistentes 2.000 millóns de anos de historia evolutiva. Segundo explicaba, “cando no 1859 Darwin publicaba A orixe das especies, demostrouse por primeira vez que os humanos non somos o centro da creación, senón unha especie máis e, ademais, moi relacionada co chimpancé. Todos os seres vivos proceden dun tronco común e, a día de hoxe, a bioloxía molecular, permítenos reconstruír a historia de calquera especie.”

Cerebro fugado

O acto, celebrado ao abeiro da Semana Galega da Filosofía, permitiu aos estudantes de Bioloxía coñecer a experiencia dun dos “cerebros” fugados do noso país. Vive en EEUU dende hai preto de cincuenta anos, “cando cheguei alí, no ano 61, na Universidade de Columbia só había un ordenador. Estaba nunha sala inmensa, acorde co tamaño que tiña este aparato, pero a súa capacidade de memoria era similar ao de unha calculadora de man de hoxe en día”, comentaba Ayala.