DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A entidade reúne a un centenar de especialistas nesta área de coñecemento

Francisco Javier Rodríguez Rajo, novo presidente da Asociación Española de Aerobiología

A xunta directiva encabezada polo catedrático da Área de Botánica foi elixida por unanimidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Ourense 05/07/2023

O catedrático da Área de Botánica da Universidade de Vigo Francisco Javier Rodríguez Rajo é o novo presidente da Asociación Española de Aerobiología. Tras ocupar o cargo de secretario da entidade, foi proposto como presidente para dar continuidade ao traballo realizado nos últimos catro anos á fronte da asociación e a súa candidatura foi elixida a pasada semana por unanimidade.

“É un orgullo ser elixido presidente da asociación porque quen te elixe son os teus compañeiros e compañeiras. Agora toca traballar xuntos estes catro anos para conseguir máis cousas para a aerobioloxía e para a asociación”, apunta Rodríguez Rajo. Entre os retos para o seu mandato apunta que están “conseguir máis visibilidade para a aerobioloxía, que é unha ciencia que está en todos os eidos e que ten moito impacto na vida humana, e seguir colaborando cos diferentes ministerios e administracións autonómicas para potenciar os traballos neste eido en relación coa saúde, a agricultura e o deterioro de momentos históricos, entre outros temas sobre os que traballamos”. Á hora de asumir o seu cargo, o novo presidente destaca e agradece de xeito especial á xunta directiva saínte, encabezada por Stela Moreno, o traballo realizado.

A Asociación Española de Aerobiología (AEA) ten como obxectivo o desenvolvemento dos estudos de aerobioloxía no estado español, destacando como a aerobioloxía “é a ciencia pluridisciplinar que estuda os organismos e partículas biolóxicas presentes no aire e os chamados procesos aerobiolóxicos (produción, emisión, transporte, deposición e impacto)”. A entidade pretende ser o marco no que teñan cabida todas aquelas persoas, un centenar na actualidade, que desenvolven o seu labor en calquera das súas disciplinas coa finalidade de compartir resultados, experiencias e xuntar esforzos que contribúan eficazmente ao desenvolvemento dos estudos de aerobioloxía en España. As súas actividades abranguen desde a participación en diferentes comités de asesoramento ás administracións e a organización de congresos e reunións ata facilitar a participación de novos aerobiólogos mediante premios de investigación e becas. A asociación ten como rama técnica a Red Española de Aerobiología, centrada no control de aeroalérxenos, na creación dun banco de datos e na difusión da información e as previsións aerobiolóxicas no territorio estatal. Esta rede está incluída nunha rede máis ampla que funciona a nivel europeo, a European Aeroallergen Network/European Pollen Information, integrada por 20 países.

Unha dilatada traxectoria

Francisco Javier Rodríguez Rajo, actual vicerreitor do campus de Ourense, é catedrático da Área de Botánica da Universidade de Vigo. Como investigador, forma parte do Grupo de Referencia Competitiva BV1 (Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos) da Universidade de Vigo. Conta con catro sexenios de investigación, un sexenio de transferencia e catro quinquenios de docencia; máis de 165 artigos en publicacións (115 en publicacións indexadas en JCR) e a dirección de 12 teses de doutoramento. Ten sido investigador de numerosos proxectos de investigación europeos, estatais e autonómicos, sendo investigador principal en moitos de eles. No campo da transferencia ten participado en numerosos contratos de I+D+i con empresas e administracións públicas como investigador principal. Tamén é membro do Comité Executivo da International Association for Aerobiology (IAA). En canto a xestión académica, ten sido director do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo, vicedecano e decano da Facultade de Ciencias, director da Área de Desenvolvemento de Infraestruturas do campus de Ourense e coordinador dos Programas de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento do Campus Auga; Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e do Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental.