DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura acadou 34 votos a favor e dous en branco

Francisco Javier Rodríguez renova como director da Escola Superior de Enxeñaría Informática

Entre os retos para a nova etapa apunta a consolidación, visibilización e excelencia do centro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 09/05/2019

Francisco Javier Rodríguez continuará tres anos máis á fronte da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. A xunta deste centro apoiou con 34 votos a favor e dous en branco a súa candidatura, a única presentada, na votación celebrada este xoves. Agradecendo o apoio dos diferentes colectivos universitarios nos últimos tres anos de goberno, Francisco Javier Rodríguez comprometeuse a dar continuidade á política desenvolvida nese período.

O equipo de dirección liderado por Francisco Javier Rodríguez está formado polas profesoras e profesor María Encarnación González, secretaria; Eva Lorenzo, subdirectora de Calidade e Acreditación de Títulos; Rosalía Laza, subdirectora de Organización Académica, e Pedro Cuesta, subdirector de Planificación e Relacións Externas. No seu discurso ante as e os representantes do centro, o director da escola comezou “agradecendo a oportunidade que me destes de continuar o mandato de dirixir a ESEI os próximos tres anos. Darvos as grazas polo apoio para continuar e por alentar tamén ás persoas que me acompañan neste equipo. Isto permítenos continuar cara unha nova fase pero seguindo as ideas e os principios xerais que rexeron este período de dirección da escola”.

Balance dun mandato

Facendo balance do seu mandato, Francisco Javier Rodríguez recalcou como “somos un centro dinámico, moderno e novo, cunha demostrada proximidade profesorado-alumnado, que está preocupado pola calidade, preocupado pola profesión de enxeñeira e enxeñeiro en informática, preocupado pola docencia, pola investigación e as actividades de transferencia pero tamén preocupado pola pegada que deixa na sociedade de cara a xustificar o que dela recibe e ao que ela proporciona”.

Entre os avances acadados nos tres últimos anos, do director da ESEI salientou a superación da acreditación Eur-Inf que “estamos a piques de recibir” e que converterá ao centro “no primeiro Grao en Enxeñaría Informática de Galicia en ter este selo europeo de calidade”. Outros obxectivos conseguidos salientados por Francisco Javier Rodríguez foron a consolidación de actividades e a súa difusión na sociedade, como a Feira de Emprego ou a Hora do Código. Tamén indicou como se fomentou a presenza da escola en órganos de decisión da Universidade de Vigo e como se conseguiu “ser o primeiro centro da Universidade en canto a participación nas enquisas de satisfacción e nos resultados dos informes de avaliación e seguimento”.

Neste período, engadiu o director da ESEI no seu discurso, “comezamos un proceso de consolidación e crecemento do centro, solicitando máis prazas para recuperar o perdido nestes anos de crise e responder á demanda que nos fai o alumnado”. Así, Francisco Javier Rodríguez apuntou como aumentou 2,5 puntos a nota de corte no grao e se deixaron fóra “a máis de 200 alumnos”. A esta demanda por parte do alumnado engadiu a demanda do sector TIC “que necesita persoal para acometer os seus proxectos”, demanda que, apuntou, “faise patente tamén na propia sociedade ourensá, que ve como se inauguran na cidade novas oficinas de empresas de informática”.

Tres retos

No seu discurso, Francisco Javier Rodríguez marcou tres retos principais para o novo mandato que se abre. O primeiro deles foi o de “consolidar o crecemento do centro arredor da nosa titulación principal, o Grao en Enxeñaría Informática” e tamén afianzar o mestrado e as acreditacións e selos acadados. Outras liñas neste punto apuntadas polo profesor foron tratar de incrementar o número de alumnas e “acometer aqueles procesos de revisión ou estudo de novos títulos, coa profundidade necesaria, que posibiliten ter plans de estudo competitivos, de calidade e que representen unha ilusión tanto para o profesorado como para o alumnado”.

O segundo dos retos sinalados polo director da escola foi o de “continuar coa visibilización e integración da ESEI”. “É fundamental seguir pondo en valor todas as actividades que xa facemos ben e que sexan coñecidas pola sociedade, por outros centros da nosa universidade, por todas as empresas do noso sector, polas futuras alumnas e alumnos ou polas súas familias”, afirmou. Por último, como terceiro reto, Francisco Javier Rodríguez citou a excelencia. Reiterando como “a ESEI non é máis que a suma colaborativa de todos os nosos esforzos e traballo, tanto do profesorado, como do alumnado, como do persoal de administración e servizos”, o director recalcou que “non debemos perder a oportunidade de que a nosa escola sexa un centro excelente e que sexa o centro de referencia en canto á Enxeñaría Informática en Galicia, sendo tamén peza fundamental do sector TIC galego”.