DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora Carolina Hernández estudou o grupo de Coros y Danzas da Sección Femenina na Coruña

O franquismo usou o folclore como ferramenta de adoutrinamento

Na súa tese, afonda en como estes grupos eran empregados pola ditadura como embaixadores no exterior

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 08/03/2016

O “gran poder representativo” da música e a súa capacidade para “transmitir emocións e valores” fixo que o folclore fose considerado un “importante fenómeno social para o adoutrinamento ideolóxico” por parte do réxime franquista, segundo sostén na súa tese de doutoramento Carolina Hernández. Nun estudo dirixido polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Luis Costa, a investigadora afonda na historia e traxectoria do grupo de Coros y Danzas da Sección Femenina de Falange na cidade da Coruña, así como nas características dunhas agrupacións folclóricas que “non foron inocuas desde o punto de vista político” e que tamén foron empregadas pola ditadura como embaixadores que axudaban a “restablecer lazos con países onde o franquismo non era ben recibido pola diplomacia”.

Na súa tese La agrupación de danza de Sección Femenina de A Coruña: dimensiones políticas, sociológicas, folclorísticas y vivenciales, Hernández afonda en como a ditadura “dispuxo dunha serie de estratexias mediáticas para establecer un control sobre o folclore”, que, relata, “devolvíase ao público convertido nun espectáculo que inevitablemente transmitía unha serie de valores acordes a esta ideoloxía”. Nese senso, Hernández salienta que o réxime promoveu o uso da cultura “como ferramenta de transmisión do pensamento oficial e de adoutrinamento”, motivo polo que avogou pola “música militar, patriótica ou folclórica en detrimento doutros xéneros”. De feito, a investigadora incide na súa tese en como a ideoloxía falanxista “vai impregnar todo o discurso que rodea” aos grupos de Coros y Danzas da Sección Femenina, “para os que deseñaron unha serie de premios e tamén de sancións cos que recoñecer ou castigar o que consideraban ou non apropiado”.

Así pois, a través destes grupos tentábanse transmitir “valores como disciplina, pureza, tradicionalismo, relixión, orde, pulcritude e unión nacional”, explica Hernández, que tamén propón na súa tese unha reflexión sobre o papel xogado por estes grupos de Coros y Danzas, “nos procesos de folclorización a que se somete a música tradicional no contexto da contemporaneidade”. Neste senso, incide en que os traballos de recuperación de danzas tradicionais realizados desde a ditadura implicaron un “esforzo sistemático de reorientación do labor de documentación e recreación”, distanciándoos das “implicacións etnicitarias”. Deste xeito o “respecto ás particularidades das danzas galegas” combinábase neste traballo coa idea da súa “implicación na conformación dun folclore español unitario, a forza de ser reproducido e transmitido como tal polos instrumentos do Estado”.

A historia da agrupación da Coruña

Este estudo, “que parte do xeral para comprender o particular”, propón un relato pormenorizado da actividade desenvolvida polo grupo de Coros y Danzas local da Coruña, “o máis importante de Galicia xunto co de Vigo”, que abrangue desde o seu nacemento en 1942 ata a súa posterior conversión no grupo Eidos en 1982, cinco anos despois da disolución da Sección Femenina. Co propósito de “encher o baleiro informativo existente nos estudos locais”, Hernández realiza un pormenorizado percorrido por unha agrupación que inicia a súa traxectoria na década de 1940 coa participación de once mulleres, ao tempo que dá conta nun capítulo da súa tese de todas as actuacións e concursos nos que participou esta agrupación entre 1943 e 1977.

Nunha investigación na que se combinou o estudo de diferentes arquivos e fontes bibliográficas co testemuño de varias das integrantes da agrupación, Hernández afonda tamén no traballo etnográfico realizado polo grupo coruñés, incidindo no seu labor de recolleita de cancións e danzas, así como de material relativo aos traxes e instrumentos. Trátase, “dun labor importante, en tanto que é do pouco que existe durante a época franquista, especialmente na primeira etapa”, apunta esta investigadora, que incide non obstante en que “ten máis valor como documento histórico que como legado musical”, xa que “a pesares do que en principio se puidera pensar dunha organización apoiada polo Estado, a realidade é foi que non contou nin co respaldo nin coa formación necesaria para facer un labor etnográfico serio e detallado”.

Embaixadores do réxime

No seu percorrido pola historia do grupo, Hernández tamén realiza “unha aproximación ao funcionamento e organización” dos concursos de grupos de Coros y Danzas que promovía a Sección Femenina, e que constituían “un modo de seleccionar os mellores grupos para despois propoñelos como representantes españois no estranxeiro a modo de embaixada folclórica”. Neste senso, a investigadora documenta tamén as actuacións do grupo coruñés no estranxeiro, que comezaron en 1945 en Arxentina e continuaron nas décadas seguintes coa súa participación en eventos en Suíza, Bélxica, Holanda, Alemaña, Xapón, Canada ou Estados Unidos.

Segundo salienta Hernández “as viaxes de Coros y Danzas ao estranxeiro estiveron nun principio “intimamente relacionadas coa política exterior do réxime de Franco e as súas simpatías polos fascismos europeos”. Mais, co paso dos anos, a ditadura decatouse “de que estes grupos constituían unha embaixada de enorme valor”, xa que, “ademais de proporcionar unha imaxe amable de España, entre os emigrantes e exiliados, a música folclórica era un arma poderosa para remover os recordos deste colectivo e achegalos máis ás súas raíces”.