DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta asociación realiza traballos de axencia de publicidade coa idea de ampliar a formación do alumn

Freshysweet recruta talentos en Ciencias Sociais e da Comunicación

Os seus responsables citan ao estudantado interesado a un proceso de selección este mércores ás 16.3

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 06/10/2014

Nacida hai tres cursos como unha júnior empresa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicaición, Freshysweet ten suposto para diferentes alumnos e alumnas do centro un primeiro achegamento ao mundo profesional da publicidade. Non en van, os seus integrantes asumiron traballos como a campaña de captación do alumnado da Universidade para o presente curso 2014/2015. Mais a súa etapa neste colectivo remata no momento no que completan os seus estudos, o que fai preciso que Freshysweet renove cada ano as súas facianas, que é precisamente o que tentan facer co acto de selección que convocaron para o vindeiro mércores ás 16.30 horas no centro que os viu nacer.

“A condición para formar parte de Freshysweet é que sexas estudante de grao ou de máster da Universidade, polo que en setembro sempre intentamos cubrir os perfís que quedan pendentes trala marcha dos membros que remataron os estudos”, explica Miguel Puerto, presidente e director de arte desta asociación. Desa necesidade xurde precisamente o Open Call, a “chamada aberta” que organizan este mércores 8 na aula 8 de Ciencias Sociais e da Comunicación, na que buscarán sumar a seis persoas máis a un proxecto que actualmente conta con cinco participantes. Concretamente, con esta iniciativa predenten “cubrir os perfís que quedan pendentes”, que son os de creativos en arte e en copy, planificadores estratéxicos, executivos de contas, relacións públicas e xestores de redes sociais, para poder seguir ofrecendo, como ata o de agora, os servizos propios dunha axencia de publicidade. Non obstante, aínda que os seus traballos sexan reais, non se trata dunha empresa, senón dunha iniciativa orientada “a formar aos estudantes dunha forma práctica” e por iso o que requirirán este mércores “non é tanto un currículo senón a implicación de xente con gañas de traballar e aprender”.

De feito, como explica Puerto, aqueles ingresos que Freshysweet obtén polos seus traballos “destínanse á cursos e viaxes formativas ou á organización de charlas na facultade”. Por iso, o principal requisito que apuntan para a convocatoria do mércores é “que veña xente con gañas e con inquedanzas”. Outro punto indispensable é que sexan alumnos da Universidade de Vigo, con independencia da súa titulación. Neste senso, Puerto explica que “o noso público obxectivo principal é o alumnado de Publicidade e Relacións Públicas, Comunicación Audiovisual e Belas Artes, pero calquera persoa con interese polo campo do deseño gráfico pode presentarse, sempre e cando sexa estudante”.

Reconvertidos en asociación

Este curso que agora comeza é o terceiro na historia de Freshysweet, que naceu como unha júnior empresa vinculada á facultade pero que no presente curso optou por mudar de forma xurídica para converterse nunha asociación xuvenil. O que non cambia, como sinala Puerto, é a súa filosofía. “Imos seguir operando como ata o de agora, co mesmo obxectivo de formar aos estudantes e cos mesmos métodos”, apunta o director de arte dun colectivo que, ademais de deseñar a campaña de captación do alumnado da Universidade, ten realizado unha serie traballos de imaxe corporativa para pequenas empresas de diferentes sectores.