DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Marta Rivera de la Cruz, xornalista e escritora:

“A fronteira do xornalismo está moi clara porque é o respecto á verdade”

Ofreceu unrelatorio na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 02/03/2009

A escritora e xornalista Marta Rivera de la Cruz atreveuse cun debate sobre os límites entre xornalismo e literatura na súa intervención este luns na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A lucense foi presentada pola profesora do Departamento de comunicación, Aurora García e polo decano da facultade, Alberto Pena, que a definiu como unha escritora “que sinte o que escribe e escribe o que sinte, conseguindo a máxima complicidade co lector”.
Pese a traballar coa mesma materia prima, como son as palabras e as historias, afirmou que “a fronteira do xornalismo está moi clara porque é o respecto á verdade. O xornalismo está constreñido por un dato obxectivo que non se pode deformar e utilizar porque un só dato falso bota todo por terra”, apuntou. O relato novela que Daniel Defoe fixo en Diario del año de la peste partindo dos datos atopados no faiado da súa casa, foi o punto de partida do discurso da autora que recoñeceu a Truman Capote como “pai da novela de non ficción” xa que na súa obra, A sangre fría, “non aparece o punto de vista do autor, como é característico da reportaxe”. Autores como Tom Wolfe, Gabriel García Márquez, Ernest Hemigway ou Ryszard Kapuscinski serviron a autora como exemplos de escritores que navegaron entre estes dous mares.
Sen embargo, Rivera de la Cruz, que en quince días lanzará a súa nova novela, titulada La importancia de las cosas, tamén quixo deixar claro que o xornalismo practicado por estas figuras “é imposible de practicar en España, porque aquí estamos condicionados polo tempo e o espazo”. Sobre a súa preferencia por un dos dous xéneros, a autora considerou que “as reportaxes longas son un xénero máis difícil que unha boa novela pola dificultade de atopar os datos e contar a historia dunha forma atractiva”.

“Saber contar historias non estorba”

Ante un público de estudantes de Publicidade, a escritora afirmou recoñecer “literatura detrás de moitos spots porque saber contar historias non estorba”. Ademais, recomendou a lectura aos alumnos porque "a voz dun adquírese a base de ler as de outros" e chegou a sinalar que “un 95% das vendas de un libro son da publicidade” xa que a elección dun título para unha novela, o deseño da portada ou o resumo da cuberta, son aspectos sobre os que se traballan moitas horas nunha campaña de lanzamento. Unha porta aberta, tal vez, á inserción laboral dos futuros licenciados da facultade.