DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O fútbol chapas, unha actividade que une a nenos e maiores nun xogo popular

O polideportivo do campus acolle a celebración da I Liga Galega deste deporte

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 26/01/2010

O polideportivo do campus acolle o desenvolvemento da I Liga Galega de Fútbol Chapas, unha actividade que forma parte da federación española deste deporte no seu circuíto estatal e que se disputa por vez primeira en Galicia. A primeira xornada do campionato desenvolveuse este domingo e na mesma participaron persoas de todas as idades, dende nenos ata maiores. A actividade está organizada pola asociación cultural Alternativas Sociais de Ourense, un colectivo presidido por Millán Brea que é, ademais, o organizador do campionato. Segundo explica, o obxectivo destes encontros non é competir para gañar. Nas súas palabras, “o que queremos coa posta en marcha desta actividade é conseguir a participación de nenos e maiores nun xogo popular que nos permita pasar un bo rato”.
A posta en marcha da liga conta coa colaboración do Servizo de Deportes do campus e o seu desenvolvemento ten lugar no pavillón da institución académica, algo moi valorado polo organizador da iniciativa. “Con esta actividade tentamos unir a toda a sociedade e a utilización dos espazos da Universidade permítenos acadar ese obxectivo por ser un lugar de encontro e reunión de diferentes colectivos”, declara. Así mesmo, a iniciativa está dentro do circuíto estatal da federación española de fútbol chapas polo que os primeiros clasificados poderán participar no campionato de España no mes de xuño. Polo de agora os organizadores da iniciativa xa están a preparar a segunda xornada da liga cuxo desenvolvemento está previsto para o mes de febreiro tamén no polideportivo do campus.
A participación na liga está aberta a toda a sociedade -non existen restricións de idade- e a inscrición é de balde.