DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Últimos días para a inscrición

Fútbol feminino para visibilizar a participación deportiva da muller en diferentes roles

Ofrécese tamén un programa gratuíto de exercicio e saúde para mulleres e un curso de adestradoras de

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Esmeralda L. Castro DUVI 11/02/2010

Os estereotipos de xénero seguen estando moi presentes na vida cotiá, pero quizais un dos ámbitos nos que se manifestan con maior evidencia sexa o deportivo e, en particular, o fútbol, amparados nunhas diferenzas biolóxicas mal interpretadas. Promover prácticas deportivas igualitarias ofrecendo modelos femininos para facilitar a incorporación das mulleres é o obxectivo das actividades complementarias ao programa das Xornadas de Actividade Física e Mulleres. O Servizo de Deportes organiza de xeito paralelo a estas xornadas, promovidas pola Área de Igualdade, tres propostas para facer visibile a participación das mulleres en actividades deportivas e para favorecer a súa incorporación nos diferentes roles: unha competición de fútbol 7 feminino, un curso de adestradoras de fútbol sala e un programa gratuíto de actividade física e saúde para mulleres.

Dinamizadoras do ámbito deportivo

Con estas actividades búscase, segundo o responsable do Servizo de Deportes, Javier Rial, “proporcionar alternativas que se traduzan nunha maior participación das mulleres, non só como deportistas e practicantes, senón tamén como dinamizadoras do ámbito deportivo”. Segundo explicou Rial, prográmanse de xeito paralelo ás Xornadas de Actividade Física e Mulleres para levar á práctica os coñecementos teóricos que se debaterán nos tres campus.
Deste xeito, o día 2 de marzo desenvolverase unha competición de fútbol 7 feminino por grupos no campo de herba sintética da Xunqueira en Pontevedra, para o que remata o prazo de inscrición o venres 19 de febreiro.
O curso de adestradoras e adestradores de fútbol sala terá lugar do 18 de febreiro ao 2 de marzo, a parte teórica na Casa das Campás e a práctica no Pavillón Universitario. Estará impartido por profesionais da Federación Galega de Fútbol e contará cunha proba final para a obtención do título de monitor de fútbol sala. O mínimo de persoas inscritas son 25, das que ao menos 15 deben ser mulleres, e o prazo de matrícula, que ten un custe de 50 euros, remata mañá venres 12 de febreiro.
Por último, as mulleres que asistan ás xornadas terán acceso gratuíto durante o mes de marzo ás salas de cardio-fitness dos tres campus para realizar un programa específico de exercicio supervisado por licenciadas e licenciados en Educación Física.
Para obter máis información ou inscribirse nalgunha destas actividades hai que dirixirse aos pavillóns universitarios de Pontevedra e Ourense, a través dos números de teléfono 986802090 e 988368922 ou dos enderezos de correo electrónico depor-po@uvigo.es e depor-ou@uvigo.es, repectivamente; ou ao Servizo de Deportes en Vigo no teléfono 986811946 e o correo deportes@uvigo.es.