DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Profesores de CC da Educación e do Deporte coorganizan o I Congreso Internacional de Fútbol en Ponte

O fútbol, obxecto de investigación e de transferencia de coñecemento

Profesionais de primeiro nivel como Miguel Ángel Gil Marín, Lotina ou Miñano participarán no encontr

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 03/05/2011

A cidade de Pontevedra continúa na súa consolidación como capital galega do deporte. Se nesta semana acolle a celebración do VII Congreso Nacional do Deporte e da Educación Física, desde o 16 ao 19 de xuño converterase na sede oficial do “do deporte rei” coa organización do I Congreso Internacional de Fútbol, que por primeira vez terá lugar na cidade. O acto conta coa colaboración da Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte, abandeirada polo grupo de investigación HI-20, xa que, “calquera evento de alto nivel relacionado co fútbol na cidade, debe ser elemento de participación para a nosa institución”, comenta Luis Casáis, un dos profesores organizadores.

Como apunta Casáis, o fútbol, ademais de ser o deporte que ten máis pulo a nivel de afeccionados, “para nós supón un exemplo claro de transferencia de coñecemento e de investigación”. Debido a que o grupo de investigación HI-20 se dedica á análise de todos os aspectos de rendemento que rodean a este deporte, “cremos que este evento permítenos poñer en valor e á disposición de todos os avances que se están dando no ámbito deportivo, metodolóxico, psicolóxico, preventivo...”, engade. Trátase, en definitiva, de buscar a colaboración entre o mundo universitario, o empresarial e a sociedade, “dando lugar a un evento de interese tanto para os profesores como para o alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte”.

Un congreso "vertical"

A organización esforzouse en desenvolver un congreso “vertical” no que se analizarán todos os aspectos relacionados co fútbol, “que tenden cada vez máis a unha maior especialización”. Diferéncianse nove áreas temáticas coa intención de “prestar atención a todos os compoñentes que require un proxecto deportivo dun club para poder competir no fútbol profesional”. Así afondarase na xestión e na execución deportiva; na técnica táctica; na fisioterapia e readaptación; na preparación física e métodos de adestramento; no tratamento específico de gardametas; na análise de xogo; no coaching e no regulamento e comunicación.

Convidados de primeiro nivel

Ademais dos profesores da Universidade, Luis Casáis, Joaquín Dosil e Eduardo Domínguez, o congreso contará con “técnicos que están a traballar nas diferentes ligas europeas cun nivel acreditado de excelencia”. De entre os máis de vinte conferenciantes que intervirán durante os catro días que dura o evento, destaca a presenza de Javier Miñano, preparador físico da selección nacional; de André Vilas Boas, adestrador do Oporto; de Miguel Ángel Lotina; de Ramón Rodríguez Vermejo, subdirector deportivo do Sevilla ou de Miguel Ángel Gil Marín, “director xeral do Atlético de Madrid, nomeado director do ano segundo a Fifa”.

Con prazas limitadas, a matrícula debe facerse online na páxina http://cifciudaddepontevedra.com/ e para máis información están a disposición os números de teléfono 657 888 900 ou ben 668 836 423. Para os estudantes o prezo de inscrición é de 100 euros e están solicitados créditos de libre configuración para o alumnado da Universidade de Vigo.