DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Profesores de CC da Educación e do Deporte coorganizan o I Congreso Internacional de Fútbol en Ponte

O fútbol practícase e investígase

Adestradores de primeiro nivel como Míchel, Juan Ignacio Martínez ou Carlos Carvalhal participarán n

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 23/05/2012

A cidade de Pontevedra prosigue na súa consolidación como capital galega do deporte ao acoller por segundo ano consecutivo o II Congreso Internacional de Fútbol, converténdose na sede oficial do ‘deporte rei’ dende o 30 de maio ao 2 de xuño. O encontro, organizado pola empresa GTSport, conta coa colaboración da Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte representada polo grupo de investigación HI-20 “co obxectivo de converter a esta cidade nun dos referentes nacionais e internacionais en investigación e formación en fútbol”, explica Luis Casáis, un dos profesores organizadores.

Como apunta Casáis, o fútbol é o deporte que ten máis pulo a nivel de afeccionados “polo que está exposto a demasiadas opinións banais e superficiais que obvian que detrás dun equipo se atopa un exemplo de traballo en equipo multidisciplinar que non é casualidade”. Deste xeito, este tipo de actividades axudan a promover e consolidar a vertente científica do fútbol “creando un foro de debate e de intercambio entre o mundo da práctica e do adestramento e o da investigación, un binomio sobre o que se debe sustentar calquera campo profesional e achegando un exemplo claro de transferencia de coñecemento”, asegura o investigador principal do grupo HI-20, cuxa actividade científica se centra na análise de todos os aspectos de rendemento que rodean a este deporte.

Novidades para este ano

Tras a primeira edición celebrada o pasado ano e que contou con máis de 300 asistentes de 14 países diferentes, desta volta o programa inclúe a celebración de obradoiros prácticos ademais de duplicar o número de ponencias “para orientar máis a oferta á demanda facilitando que os asistentes poidan deseñar o seu propio itinerario formativo no congreso en función do seu perfil e intereses”, aclara Casáis. A organización esforzouse en desenvolver unha “proposta integral” na que se tratarán todos os aspectos relacionados co fútbol, “para que todos os participantes entendan o funcionamento interno dun equipo profesional”. Así afondarase na dirección deportiva; na técnica táctica; na readaptación; na preparación física e métodos de adestramento; no tratamento específico de gardametas; na análise de xogo e de fútbol base.

Ademais dos profesores da Universidade, Luis Casáis, Miguel Alonso e Eduardo Domínguez, o congreso contará con “técnicos que están a traballar nas diferentes ligas europeas cun nivel acreditado de excelencia”. De entre os máis de vinte conferenciantes que intervirán durante os catro días que dura o evento, destaca a presenza de adestradores de primeira división do fútbol europeo, como Miguel González ‘Míchel’, técnico do Getafe FC, Juan Ignacio Martínez, do Levante FC e Carlos Carvalhal, adestrador do Besiktas, ademais de responsables das secretarías técnicas de equipos como o Arsenal FC, Valencia FC, Sevilla FC ou Udinese ou os preparadores físicos do Inter de Milan, do Spartak de Moscú ou da selección brasileira, entre outros moitos.