DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No VII Trimaratón organizado polo club CAFyD

Fútbol sala, baloncesto e balonmán para educar en valores

10 equipos compiten no Pavillón Universitario durante máis de 20 horas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Esmeralda L. Castro DUVI 04/05/2010

O Club Deportivo de Ciencias da Actividade Física e do Deporte (CAFyD) organiza o VII Trimaratón de fútbol sala, baloncesto e balonmán, máis de vinte horas nunha sesión continua de deporte para educar en valores, na que o importante non é gañar, senón convivir cos demais. O campionato comeza hoxe no Pavillón Universitario ás 21.00 horas e prolongarase ata mañá ás 19.30.
Esta actividade naceu no ano 2003 e foi a primeira desenvolvida polo club CAFyD. É unha competición deportiva en formato torneo na que se participa por equipos nas tres modalidades. Como destaca o coordinador desta edición, Jorge Troncoso, “caracterízase pola participación de formacións mixtas, coa norma de que sempre ten que haber como mínimo dúas mulleres no campo en calquera partido”. O obxectivo é conseguir a integración de toda a comunidade universitaria e xerar unha boa relación entre todas as persoas participantes. “O importante non é gañar, senón que prime o bo ambiente”, comenta Troncoso, quen lembra que en anteriores convocatorias xogaron con balóns de trapo ou descalzos, “para amosar as condicións en que se xoga no terceiro mundo e así educar en valores”. Así mesmo, considera que o feito de xogar de noite e tantas horas seguidas crea moitos lazos de unión e novas amizades. “Isto é un aliciente máis desta actividade e á xente que vén gústalle porque xa está afeita a xogar nos campionatos de verán”.
Este ano están anotados dez equipos diferentes. A participación máis numerosa é de alumnado e profesorado da Facultade de Ciencias da Educación da Educación e do Deporte, pero a organización quere que o evento acade repercusión en todo o campus e en toda a Universidade de Vigo para as vindeiras edicións.

Torneo en tres fases e trofeos para os tres primeiros clasificados

O campionato comeza cunha fase por grupos, na que a clasificación se realizará en función das vitorias obtidas. En caso de empate contará a suma de todos os puntos e goles obtidos a favor e en contra. Deseguido xogaranse dúas roldas eliminatorias, semifinais e final, nas que os contendentes deben enfrontarse nas tres modalidades deportivas, proclamándose vencedor o que gañe ao menos dous partidos.
Á 20.00 no Pavillón Universitario dará comezo a actividade co sorteo dos grupos e haberá trofeos para os tres primeiros clasificados.