DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita está organizada pola Escola Superior de Enxeñaría Informática

Futurgal Summit 2023 arranca a súa programación pondo o foco no apoio ao emprendemento

As sesións celébranse no campus, en Expourense e no Centro Cultural Marcos Valcárcel

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 01/12/2023

Deste este xoves pola tarde e ata o vindeiro martes, Ourense acolle a celebración de Futurgal Summit 2023, unha cita na que participan máis de 50 especialistas. A través de experiencias de éxito e o coñecemento disruptivo, quere profundar en “ideas audaces e transformadoras para resolver os novos desafíos da sociedade e construír un futuro sostible e inclusivo”. As súas primeiras sesións estiveron dedicadas a diferente apoios que teñen as persoas emprendedoras para sacar adiante os seus proxectos.

O evento, que ten como lema Empredemento como panca de futuro, está organizado pola Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Enmárcase na estratexia Spain Up Nation e está financiado pola Unión Europea-Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, ademais de apoiado polo Ministerio de Industria, Comercio y Turismo e a Escuela de Organización Industrial (EOI).

Este venres, a actividade comezou cunha mesa redonda sobre instrumentos públicos como impulso para o desenvolvemento empresarial na que participaron David Martínez, tesoureiro da Confederación Empresarial de Ourense e presidente da Asociación de Autónomos de Ourense; Patricia Pérez, directora territorial de Comercio do ICEX en Galicia; Covadonga Toca, directora do Instituto Galego de Promoción Económica Igape, e Raquel Rodríguez, de XesGalicia. As responsables destes órganos explicaron ao público asistente as diferentes liñas de axudas e recursos que teñen para empresas e emprendedores e David Martínez lembrou a importancia de que nelas se teña en conta ao colectivo de autónomos pois, indicou, "en Galicia representan o 98% do tecido empresarial". Tamén houbo mesas redondas sobre financiamento e aceleración en procesos emprededores e propostas de investimento para este colectivo, entre outras. Ademais, nesta segunda xornada a actividade arrancou en Expourense abordando temas como o panel de pagos, os nómadas dixitais e coliving en Galicia e sobre todo de turismo e deporte. Esta programación súmase á celebrada o xoves pola tarde con varias mesas redondas sobre polos de emprendemento e apoio ao emprego por parte da Xunta de Galicia (na que participou Elena Rivo, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, e negocios como Galletas Daveiga) e sobre emprendemento no rural con tecnoloxía (coa presenza de proxectos empresariais como Recarbo, Luxsit, Biopraedium e Nosa Enerxía).

Máis programación

Tras este arranque, ao longo dos días de celebración participarán en Futurgal, entre outros especialistas, o experto en innovación Enrique Dans; a escritora e divulgadora Elsa Punset; Bernardo Quintero, fundador de VirusTotal (clave na elección de Málaga para o centro de ciberseguridade de Google); a deseñadora Ágata Ruiz de la Prada; Juan Verde, asesor do presidente de EEUU Joe Biden; o ex-ministro Francisco Caamaño; Pepa Bueno, directora da Asociación de Creadores de Moda de España; o influencer Pobre Millenial, e os economista María Blanco e José Carlos Díez. Haberá conferencias pero tamén mesas redondas centradas en temas como o turismo, a globalización e as novas tendencias e o empredemento no mundo da moda e en América Latina. Igualmente desenvolveranse diferentes encontros e tamén haberá espazo para a presentación de proxectos por parte de emprendedores e emprendedoras a investidores e business angels.