DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Forum Mediasegur’ na EU de Estudos Empresariais

O futuro das aseguradoras: evolucionar ou morrer

Concienciar aos empresarios, adaptarse ás novas necesidades e formar aos futuros profesionais, princ

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 09/03/2011
Noemí Rey | Vigo
Porque “Superman xa morreu” e tirar de calquera empresa cara adiante é unha ardua tarefa nos tempos que corren, os directivos teñen que ser conscientes de que xestionar os riscos é unha prioridade. Por iso o Forum Mediasegur organizado pola Fundación Inade, reuníu na Escola de Estudos Empresariais a directivos, profesionais do sector asegurador e comunidade universitaria para facer unha posta en común sobre os problemas aos que se enfrontan nun momento sen marxe a erros e sobre cales son as mellores técnicas para garantir a viabilidade dos negocios. A principal conclusión: entoar o mea culpa e admitir que nin aseguradoras nin empresas o están facendo ben.

A falta de conciencia dos empresarios e a rixidez das aseguradoras para abrir a mente e a man a novos mercados foron os principais retos postos enriba da mesa durante as xornadas. “Os empresarios moitas veces buscan para a transferencia de riscos ao mercado asegurador a interlocutores que ven baixo a óptica da amizade e como amigos nesta época o único que podemos facer e ir a tomar cocidos. Pero nós tamén temos que reflexionar sobre o que estamos a facer mal, non podemos seguir facendo o mesmo que fai 20 anos, nin 15 nin 5. O mercado está a cambiar”, explicou Alfonso Campos, director de Inade e moderador dunha da primeira mesa de traballo.

Con este achegamento á comunidade universitaria o que se pretende é completar a formación do alumnado neste sector, instrumentar actividades de investigación sobre a industria aseguradora e de concienciación do tecido empresarial e recrutar a futuros recursos humanos para o sector. Titulacións como o Grao de Comercio, con materias adaptadas a esta realidade, como a de Xestión de riscos financeiros e comerciais, son un gran paso adiante para a formación dun sector “que pasaba por un segundo ciclo que en Galicia non existía. A Universidade ten o material humano e os coñecementos para debuxar o futuro da sociedade, que pasa pola colaboración entre empresas, fundacións e comunidade universitaria”, recoñeceu Patricio Sánchez Bello, director da escola. Precisamente para “adecuarse á demanda do mercado”, a escola xa está preparando para o vindeiro curso un Máster en dirección de pequenas e medianas empresas “que xa superou varios dos trámites administrativos”.

O 95% das empresas pontevedresas, pemes

Ser unha empresa pequena pode supor unha desvantaxe nun momento no que a banca “considera insolvente o 99% dos empresarios, cando fai tan só un ano era xustamente o contrario”, subliñou José Manuel Fernández Alvariño, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra. No armazón de 36.000 empresas adscritas á CEP, 95 de cada 100 negocios son pemes. “É moi importante estar concienciados e valorar as capacidades de risco que existen. Calquera que monte un negocio debe de ter dúas cousas: un obxectivo empresarial claro e un cerco co que protexelo a través de distintas pólizas. O mercado debe saber adecuarse ás necesidades que vaian xurdindo”, recalcou Fernández Alvariño.

Ese seguimento da evolución da industria é a clave para a continuidade das aseguradoras, como recoñeceu Juan Arsuaga, presidente e conselleiro delegado de Lloyd’s Ibérica, unha compañía que comezou as súas andainas no século XVII facendo seguros para o sector naval. Dende entonces, “cada vez que viña algo novo o estudabamos, analizabamos e proporcionabamos solucións para que o empresario seguira adiante”: no seus arquivos están o primeiro seguro de coche ou a primeira póliza de roubo da historia, aínda que tamén se atreveron co primeiro viaxe a lúa, cos Beatles, Bisbal, futbolistas… “Grazas a iso sobrevivimos 350 anos”, concluíu.