DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo:

“O futuro brilla para esta Universidade a pesares dun presente que nos obriga a realizar sacrificios”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 31/01/2011
Vigo
Coa vista posta nun futuro prometedor pero coa conciencia da necesidade do esforzo e a superación. O reitor da Universidade de Vigo fixo un repaso, no transcorrer do acto, dos dous principais acontecementos que marcaron e marcarán o porvir da institución nos vindeiros anos: a consecución do recoñecemento de Excelente para o Campus do Mar e o novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego. A pesares de que a actual situación económica influirá nos dous aspectos, Salustiano Mato amosouse convencido dun porvir de éxitos, “dun futuro que brilla para a Universidade a pesares dun a presente que nos obriga a realizar sacrificios, tanto institucionais como persoais”.

Para Salustiano Mato a excelencia e a internacionalización irán ligadas a ambos proxectos de futuro e, nun momento histórico de grandes cambios como este, “os galegos e galegas debemos aprender a movernos doutro xeito para seguir competindo entre os mellores”. Neste sentido, tanto o Campus de Excelencia como un novo Plan de Financiamento, no que primará a eficiencia e os resultados, marcarán os vindeiros anos da Universidade de Vigo, pero a este futuro prometedor contribuíron “os que me precederon no cargo e, sen o seu traballo, seguro que non se tería acadado”, recoñeceu Mato en referencia expresa á aposta de Alberto Gago polo Campus do Mar.

Este proxecto de Excelencia, explicou Mato, debería abrirlle á Universidade portas que permitan acadar o obxectivo da internacionalización, “potenciando e desenvolvendo marca, tratando de gañar recoñecemento e prestixio”, un labor no que a institución “se encontra a gusto”. Por outra banda, o Campus do Mar afondará no camiño da excelencia na investigación, para o que a Universidade conta con grupos que xa son “referencias mundiais en diferentes eidos” e que suporán unha achega de incalculable valor para que a institución viguesa se posicione a nivel internacional, pero especificamente na contorna da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Neste sentido, Salustiano Mato subliñou que “apostamos por unha evolución diferente da economía” e xunto coas universidades galegas e do norte do país luso “nos implicamos nun desenvolvemento activo do Atlántico Sur Peninsular”.

A valentía requirida

O novo Plan de Financiamento Universitario foi outro dos puntos centrais da intervención de Mato e lembroulle á Xunta de Galicia que estarán “velando para que se cumpra a partir deste ano” un acordo que porá en valor os resultados, obxectivos, eficiencia e calidade do traballo das universidades.

A mesma valentía que o reitor lle requiriu ao Goberno galego para facer posible este novo sistema de financiamento, foi a que lle recoñeceu ao novo Doutor Honoris Causa, Jorge Martínez Vázquez, “un home que naceu co mar nos ollos” e do que “poden tomar exemplo” os galardoados cos Premios Extraordinario de Fin de Carreira e de Doutoramento. Salustiano Mato deulle á súa máis calorosa benvida á Universidade da súa terra, “na que nos sentimos honrados coa súa presenza e na que o acollemos coa ledicia coa que se acolle no fogar a quen se foi del hai xa moitos anos e volta para dar o mellor de si aos seus”.

Discurso completo do reitor, Salustiano Mato (23.88 Kb)