DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O X Congreso TAEE reúne en Vigo a docentes deste campo de universidades españolas e latinoamericas

O futuro da docencia da electrónica está nas novas tecnoloxías

O EEES obriga a un cambio de paradigma cara a metodoloxías activas de aprendizaxe

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 13/06/2012
Videoxogos, simulacións, internet, contidos virtuais, software libre ... As novas tecnoloxías ofrecen unha gran cantidade de novas ferramentas e métodos didácticos, de especial relevancia en pleno proceso de adaptación dos estudos universitarios ao Espazo Europeo de Educación Superior. Este cambio substancial de paradigma ten unha repercusión especial no eido das enxeñarías, un campo no que os docentes están a realizar un inxente traballo para incorporar metodoloxías docentes baseadas na aprendizaxe. Precisamente para realizar unha posta en común das experiencias que se están a desenvolver no ensino, en concreto da electrónica, ten lugar estes días en Vigo o X Congreso TAEE (Tecnoloxía, Aprendizaxe e Ensino da Electrónica), a cita máis importante para os docentes de ensino superior das universidades españolas e latinoamericanas neste campo.

Como indicaba o reitor, Salustiano Mato, no acto de inauguración “unha universidade coma esta, con carácter europeísta, procura introducir as mellores e referencias nas reunións científicas que organiza”, un esforzo que neste congreso se traduce en 104 artigos aceptados revisados por 143 expertos.

Ao fronte deste simposio internacional están o profesores Alfonso Lago, do Departamento de Tecnoloxía Electrónica, e Martín Llamas, do de Enxeñería Telemática. Segundo explican o obxectivo é mellorar a docencia no eido da electrónica mediante a reflexión conxunta dos problemas aos que se enfronta a xeración de recursos didácticos, principalmente con base tecnolóxica, e o fomento da reutilización e a xeración cooperativa de coñecemento. Neste sentido, a finalidade é o uso de metodoloxías activas de aprendizaxe e dun ensino cunha forte vinculación coa práctica profesional. O reitor incidía no acto de apertura en que este simposio ten dous eixos temáticos principais, por unha banda a área técnica relacionada coa electrónica e, por outra, a área docente máis centrada nas metodoloxías do ensino, os materiais docentes e os recursos pedagóxicos, “de especial relevancia agora que se está implantando o EEES”.

Programa do congreso

O congreso, con sesións plenarias, paralelas e mesas redondas, aborda catro temas principais. Por unha banda trátase de actualizar o EEES no 2012 e, por outra, afondar nas novas oportunidades no proceso de ensinanza, en especial na formación en competencias, o traballo colaborativo e a Web 2.0 e 3.0. Un terceiro campo de traballo céntrase nos modelos de ensino mixto para a formación da enxeñaría, con laboratorios virtuais e remotos. Finalmente afóndase nos novos recursos educativos, a reutilización, os obxectos de aprendizaxe, os materiais libres e as mellores prácticas. En total presentaranse 104 traballos que se complementarán con poñentes americanos e europeos nas sesións específicas. O 86% dos autores son españois aínda que tamén están representados países coma Brasil, Arxentina, Colombia, México, Austria, Bulgaria, Cuba, Uruguay, Panamá, Paraguay e Estados Unidos.

A mobilidade, no centro do debate

Tras o acto inaugural, o primeiro acercamento aos contidos educativos viu da man de Mireia Fàbrega, xestora de Proxectos Erasmus da Education Audiovisual & Culture Executive Agency. Tras unha breve descrición dos programas xestionados pola Agencia Ejecutiva no ámbito Educativo, Audiovisual e Cultural, Fàbrega centrouse no programa Erasmus para mobilidade e a cooperación na educación superior en toda Europa. Explicou que as diferentes accións abranguen non só aos estudantes senón tamén ao persoal docente e de empresa que desexe impartir docencia, e ao persoal docente e non docente que desexe continuar a súa formación.

Ao longo dos tres días de duración do congreso outras tres conferencias plenarias abranguerán temas como o uso dos videoxogos para a docencia, da man de Carlos Vaz de Carvalho, investigador do Instituto Politécnico de Porto; as redes sociais e plataformas como Youtube no ensino nun relatorio de Russ Meier, profesor da Escola de Enxeñaría de Wisconsin; e as oportunidades do emprendemento que amosará Senén Barro, ex reitor da Universidade de Santiago.

Publicación dos traballos

Nesta décima edición dáse un paso máis na evolución do congreso coa sinatura dun convenio co IEEE para que todo os traballos presentados en inglés sexan indexados no IEEEXplore, a base de datos máis importante no ámbito da enxeñaría. Para o reitor “este aspecto é moi importante porque congresos organizados por esta Universidade e indexados nas bases de datos internacionais sumarán méritos á hora de alcanzar a máxima puntuación posible no tramo variable do financiamento asinado polas tres universidades coa Xunta de Galicia”.