DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A importancia destas plataformas centra o Día das Redes Galegas de CCSS e da Comunicación

O futuro do galego atópase tamén nas redes sociais

A xornada reuniu como conferenciantes a catro profesionais do eido formadas nesta facultade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 11/05/2017

O 86% dos internautas de entre 16 e 65 anos, preto de 19 millóns, son usuarios e usuarias de redes sociais, segundo o informe publicado por IAB Spain neste 2017. Afondar na súa importancia e nos cambios que están a provocar no sector da comunicación era un dos obxectivos centrais do Día das Redes Galegas, que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación celebrou este xoves reunindo a catro profesionais formadas e formados nas súas aulas. Mais tamén érao pór de relevo que os social media son tamén unha “grande oportunidade” para o idioma, como salientou no acto inaugural o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

María Pérez Justo, client account manager en Twitter España; Marcos Gómez, responsable de outbound márketing de Elogia; Arancha Vilas, coordinadora de márketing e comunicación de Elephone Spain, e Cristina Rey, responsable de Comunicación Dixital en Mekkdes, foron protagonistas dunha actividade desenvolvida coa colaboración da Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade e dirixida a “dignificar as redes sociais, as redes en galego e a figura do community manager”, como salientou o seu organizador, o profesor Xabier Martínez Rolán. Tanto os coloquios, como a posterior mesa de debate, moderada polo profesor Daniel Martí deron pé á súa vez a un segundo debate na rede, a través do hastag #redesgalegas.

Unha oportunidade de conectar o galego co mundo

“Nas redes sociais hai moita vida e afastarse delas implica perder oportunidades”, salientou Paulo Cabral, director da ANL na apertura das xornadas, na que fixo énfase na oportunidade que estas plataformas supoñen á hora de “estender o uso da lingua a todos os ámbitos”, así como de “configurar a imaxe que os demais teñan de nós, sexa individualmente, sexa como pobo”. Nese mesmo senso, o decano, Xosé Baamonde, salientou que “temos a responsabilidade de decidir que queremos facer co galego, se queremos unha lingua ritual ou unha lingua viva”, decisión que, apuntou, correspóndelle ás novas xeracións. Tanto Baamonde como Rolán valoraron tamén a posibilidade de contar con tres tituladas e un titulado como conferenciantes, “o que amosa que temos moito que dicir desde esta institución en materia de redes sociais e comunicación dixital”. Valentín García, pola súa banda, salientou que se ben o galego “e outras linguas minoritarias en Europa chegaron tarde a moitas citas, hai unha á que chegou en igualdade de condicións, internet, onde está desde o primeiro dia" e onde, non obstante, “ten que competir con grandes sistemas de comunicación”.

Unha plataforma de comunicación mundial

Pérez Justo achegou o Día das Redes Galegas a unha plataforma que, apuntou, “está cambiando o mundo”. Nese senso, puxo de relevo o potencial de Twitter, que outorga “o poder para comunicarse con calquera persoa do mundo” e que é, en definitiva, “o que cada usuario queira ver nela”. Nese senso, lembrou o seu valor para coñecer “en directo o que está pasando en calquera parte”, como “vía de comunicación” das empresas coa súa clientela ou como “altofalante para facer chegar a súa mensaxe a unha audiencia global” para a clase política ou empresarial.

“A comunicación hoxe en día non se entende sen a relación coas redes sociais”, destacou esta egresada, ao igual que fixo tamén Gómez, quen pon o acento nos datos do estudo de IAB, ao tempo de que destaca, a nivel cualitiativo, a inmediatez, bidireccionalidade e democratización no acceso á información que achegaron respecto dos medios tradicionais”. Este egresado centrou o seu relatorio na planificación de medios online, ámbito no que as redes sociais resultaron decisivas á hora de promover un “cambio nos hábitos de consumo de medios”.

“No caso da nosa empresa, que se dedica ao mundo da moda, as redes sociais xogan un papel primordial, xa que son o motor das nosas vendas e o noso escaparate”, recoñeceu Cristina Rey, responsable de comunicación de Mekkdes, quen lembrou nesta xornada como comezou a experimentar con estas ferramentas cun blog de moda e como de aí xurdiron posteriormente experiencias laborais que a levaron a especializarse neste eido.

A importancia de contar con profesionais formados neste eido foi un dos aspectos destacados por Arancha Vilas, quen lamenta que “semella que na actualidade calquera pode levar a cabo tarefas de xestión das rede sociais”. De aí que incida en que a frase de que, nas redes sociais, “hai que estar” poida resultar “moi perigosa”, ao seu xuízo, se esa presenza non é xestionada dunha forma adecuada. Non en van, requírese de profesionais con “perfís polifacéticos”, cunha visión estratéxica dun sector no que “cada día pode haber unha xestión de crise que hai que non só que solucionar senón tratar de que remate en positivo para a marca ou institución que se xestiona”.