DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes de doutoramento de diferentes universidades participan no Doctorial da AE-IC

O futuro da investigación en Comunicación dáse cita en Pontevedra

Ao longo de dúas xornadas, presentan as súas liñas de traballo a diferentes académicos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 15/06/2023

Novos e novas investigadores no ámbito da comunicación, procedentes de diferentes universidades de España e América Latina, reúnense este xoves e venres na Facultade de Comunicación con motivo do IV Doctorial da Asociación Española de Investigación en Comunicación (AE-IC). Organizado pola asociación e a facultade, trátase dun evento dirixido a pór en contacto investigadores que traballan actualmente nas súas teses de doutoramento con “académicos e académicas de referencia no noso país”, como salientaba a decana, Emma Torres, no acto de apertura deste Taller iberoamericano de investigación en comunicación, que conta co patrocinio da Vicerreitoría do campus e do Consello Social da UVigo e a colaboración da Deputación Provincial, Turismo Rías Baixas e Concello de Pontevedra.

De carácter bienal, trátase da primeira vez que este encontro da AE-IC se celebra nesta facultade, onde teñen lugar unha serie de talleres nos que os 36 alumnos e alumnas de doutoramento, seleccionados de entre as máis de 60 candidaturas presentadas, expoñen as súas liñas de traballo a investigadores e investigadoras sénior. “No Doctorial teñen a oportunidade de contrastar a temática, obxectivos, hipóteses e procedementos da súa tese con outros investigadores, que lles van dar o seu punto de vista”, sinala Torres dun evento no que os diferentes talleres articuláronse por “afinidades temáticas” dentro dos estudos de comunicación. Esta serie de encontros vese complementada á súa vez por dúas mesas dirixidas a afondar en cuestións de carácter máis transversal, como as achegas feministas á investigación en comunicación e os efectos que neste campo poden ter tanto a dixitalización como a intelixencia artificial. Así mesmo, o programa deste Doctorial complétase este venres coa presentación dun novo número da revista da AE-IC e coa entrega do Premio Joven á Investigación en Comunicación Enrique Bustamante. 

A “responsabilidade social” do persoal investigador

Ademais de pór o foco en que este evento sitúa á facultade no “mapa da investigación en comunicación”, Torres destacou na inauguración deste Doctorial a “responsabilidade social” que implica o labor investigador, a de “achegar á sociedade o coñecemento e a innovación”. Unha responsabilidade que estas xornadas “representan dun xeito exponencial”, subliñou, xa que suporán un “punto de referencia” na carreira investigadora das e dos participantes. “É necesario apoiar este tipo de iniciativas e dar empuxe aos novos investigadores e investigadoras”, engadiu nesa mesma liña a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, quen puxo de relevo neste acto o “importante papel” que xoga a facultade no proxecto de especialización Campus Crea.

“O Doctorial consolidouse como unha contorna moi propicia para intercambios de todo tipo”, engadiu a presidenta da AE-IC, Rosa María Franquet, quen lembraba neste acto como este encontro non só proporciona asesoramento aos novos investigadores e investigadoras, senón que tamén permiten a académicos con maior traxectoria coñecer “novos obxectos de estudo, novas miradas e novas metodoloxías, que realmente refrescan algunhas das cousas que temos en mente”. Franquet lembrou así mesmo o especial significado que ten para a AE-IC organizar este acto nunha facultade que en 2019 outorgaba a súa insignia ao anterior presidente, Enrique Bustamante, falecido en 2021. Este acto inaugural contou tamén coas intervencións da deputada provincial de Turismo en funcións, Ana Laura Iglesias, quen lembrou aos e ás asistentes que “sodes os comunicadores do futuro, ás persoas que teredes que contar a realidade”; e do concelleiro de Desenvolvemento Sostible en funcións e investigador da facultade, Iván Puentes, quen incidiu tanto na importancia da Universidade para Pontevedra como no papel que xogou a comunicación no desenvolvemento do modelo de cidade.

Investigación con perspectiva de xénero

A xornada continuou cunha mesa de debate, patrocinada pola Vicerreitoría e aberta a toda a comunidade investigadora, dirixida a pór o foco na traxectoria e na situación actual tanto das investigacións con perspectiva de xénero no eido da comunicación como das propias investigadoras. Moderado polo profesor da Universidad de Sevilla Francisco Sierra, este panel tiña como obxectivo, explicou, reunir as visións sobre estas cuestións de investigadoras “de diferentes xeracións”, que traballan en liñas distintas, “pero apostando sempre pola perspectiva feminista como unha perspectiva transformadora, non só da investigación, senón tamén da sociedade”. Fíxoo a través das achegas de Franquet, catedrática da Universitat Autónoma de Barcelona, da investigadora da Universitat Rovira i Virgili Iolanda Tortajada, e de Ruth de Frutos, da Universidad de Málaga. 

“Faise necesario considerar que o coñecemento científico é unha produción social e debe entenderse como unha práctica política comprometida e cuestionar a suposta neutralidade científica”, defendeu Franquet, que lembrou na súa intervención como no momento no que comezan a potenciarse os estudos de comunicación en España “as súas liñas prioritarias para nada coincidían cos estudos de xénero”. Estes, sinalou, “non eran cardinais nin para a universidade posfranquista, nin para as primeiras políticas de investigación, orientadas a unha profunda actualización". De feito, os primeiros estudos neste ámbito, que puñan o foco nos “enormes desequilibrios” entre homes e mulleres nos medios de comunicación ou na “escasa presenza e nos estereotipos” asociados á muller nos medios, foron financiados, lembrou, por institucións non educativas. “Tendo en conta o papel dos medios de comunicación como axentes de socialización, era esencial coñecer o papel que se lle asignaba ás mulleres na información e no entretemento”, engadiu a presidenta da AE-IC, que afondou no “longo camiño percorrido” deste entón, no que “moitos achados das investigacións académicas foron transferidos á sociedade”, contribuíndo, por exemplo, á regulación de como deberían tratarse comunicativamente problemáticas como a violencia machista.