DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores e autoridades académicas afondaron no futuro da I+D+i en Galicia

O futuro laboral e a estabilidade dos contratos centran as Xornadas dos Investigadores Parga Pondal e Ramón y Cajal de Galicia

Pedro Miguel Echenique impartiu un relatorio sobre “Ciencia, creatividade e futuro”

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Raquel Feijóo DUVI 13/11/2009

A celebración este venres no campus de Ourense das IIII Xornadas dos Investigadores Parga Pondal e Ramón y Cajal de Galicia estivo marcada pola preocupación destes profesionais polo seu futuro laboral e a estabilidade dos seus postos de traballo. O encontro foi inaugurado polo reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, e contou coa participación de representantes das institucións académicas e dos colectivos de investigadores que debatiron sobre o futuro da I+D+i en Galicia. Pedro Miguel Echenique, Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica (1998) ofreceu un relatorio sobre Ciencia, creatividade e futuro, na que sinalou que “o edificio cultural da ciencia moderna é a obra colectiva máis importante da Humanidade”.
O reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, definiu o momento actual de “crucial” para a ciencia e a investigación, e subliñou a importancia de apostar por un sistema educativo e científico da máxima calidade no noso país porque, segundo afirmou, “non hai futuro se non nos incorporamos á sociedade do coñecemento”. O programa de captación de investigadores, vixente na Universidade de Vigo dende o ano 2005 e que permitiu incorporar a 75 novos doutores acreditados por esta vía, tivo efectos positivos non só para os investigadores e para o sistema científico do país, senón que lle permitiu á institución académica escalar postos no ránking SCImago de produción científica en España, e así o subliñou o reitor na súa intervención. Este ránking sitúa á Universidade de Vigo no posto número 15 a nivel bruto en produción científica, e no posto número 14 en impacto internacional. Alberto Gago expuxo estes datos para defender a necesidade “de asegurar estes programas por riba doutra cousa”.

Un colectivo entre 35 e 45 anos que abre novas liñas de investigación e solicita patentes

Paula López, presidenta da Asociación de Investigadores Parga Pondal de Galicia, puxo enriba da mesa unha serie de datos definitorios do colectivo. Así, afirmou que o 70% destes investigadores están adscritos a departamentos universitarios, o 50% desenvolven o seu traballo na rama das Ciencias da Vida e Experimentais, o 51% teñen entre 35 e 45 anos de idade, e a media de publicacións por persoa está en 11,4. A presidenta da Asociación Parga Pondal subliñou, ademais, que o 74% dos investigadores do colectivo abriu novas liñas de investigación, e que o 38% solicitou patentes en torno a eses traballos. E dixo tamén que o 77% destes profesionais compaxina a súa labor investigadora coa docencia.
Concepción Herrero, vicerreitora de Investigación da Universidade da Coruña, sinalou na súa intervención que os programas Parga Pondal e Ramón y Cajal “son iniciativas das Administracións que non se consultan coas Universidades e centros de investigación”, e subliñou a necesidade de que se produza un “cambio estrutural no sistema español de investigación” encamiñado a definir a carreira investigadora no noso país. A vicerreitora sinalou a crise económica e o descenso de financiamento das Universidades e os entes públicos como “os principais problemas que nos impiden facer unha oferta de estabilización ao cento por cen”. Na mesma liña falou Elsa Vázquez, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, que afirmou que o esforzo desta institución para a incorporación dos investigadores “non foi suficiente para acoller a todos por limitacións económicas”. María José Alonso, vicerreitora de Investigación da Universidade de Santiago, definíu o programa de recursos humanos de “estratéxico e moi importante”, e amosou a “clara postura de interese” da institución hacia este colectivo.

Salustiano Mato: “Darlle cartos á universidade é investir na cultura dun país”

Uxío Labarta, coordinador do Centro Superior de Investigacións Científicas –CSIC- en Galicia, definiu a situación actual de “dramática, porque non hai fondos”, e fixo mención aos Plans Nacional e Galego de Investigación para subliñar que “foron importantes no seu tempo pero hoxe son insuficientes porque non levan á consolidación dos postos”.
O ton reivindicativo chegou da man dos investigadores Ángel García, representante da Asociación Ramón y Cajal de Galicia, Álvaro Gil, ex-presidente da Asociación de Investigadores Parga Pondal e Mark van Raaij, ex-investigador Ramón y Cajal. Ángel García dixo que “a universidade non pode usar escusas económicas para encubrir unha mala planificación e uso destes programas, e a Xunta debe garantir o seu futuro”. Álvaro Gil, pola súa banda, apoiou estas palabras e animou ao colectivo a estender a cultura do coñecemento, e Mark van Raaij alentou á Xunta “a aportar cartos para investigar”.
Pola súa banda Salustiano Mato, catedrático de Zooloxía da Universidade de Vigo e ex-director xeral de I+D da Xunta de Galicia, afirmou que darlle cartos á Universidade “é investir na cultura dun país, non xerar gasto”. Asegurou que cada euro que se destina a investigación “produce Produto Interior Bruto, emprego e ingresos para o propio goberno”, e animou ao sistema universitario galego “a adoptar unha postura conxunta ante a Xunta e o Estado en materia de recursos humanos”.

Demanda de estabilidade laboral e financiamento

Trala finalización de contrato de 12 dos seus compañeiros nas universidades de Vigo e A Coruña, os investigadores contratados nas institucións académicas galegas ao abeiro dos programas Isidro Pondal e Ramón y Cajal , expresaron coa lectura dun manifesto o seu descontento respecto da súa situación laboral actual.
Os investigadores, que lembraron na súa intervención o traballo que desenvolven nos ámbitos docente e investigador e os beneficios que esta actividade reporta ás universidades, demandan aos responsables das institucións que os contratan que lle ofrezan posibilidades reais de estabilización dos seus postos de traballo “ao fin dos cinco anos de contrato, sempre e cando se acredite o axeitado cumprimento das funcións asignadas a eses contratos”. Mentres á Xunta de Galicia os investigadores solicitan dotación orzamentaria anual específica para as prazas estables de persoal investigador e docente, así como un pronunciamento explícito sobre a necesidade de estabilidade e mellora das súas condicións laborais. Xa por último piden unha solución para os investigadores que obtiveron as acreditacións Manuel Colmeiro e I3, creados por la Xunta e o Goberno central para a estabilización dos Parga Pondal e Ramón y Cajal e remataron os seus contratos sen posibilidade real de consolidación dos seus postos de traballo nas universidades galegas.
Entre as consecuencias que se derivan das finalizacións de contrato, os investigadores sinalan a interrupción das actividades investigadores e docentes; o desperdicio dos cartos investidos pola Xunta ao longo dos cinco anos de contrato dos investigadores e a perda de persoal que cumpre o requisitos de calidade de produción e actividade científico-tecnolóxica.

Pedro M. Echenique:“O século XX é o século do triunfo da ciencia e da tecnoloxía”

Ciencia, creatividade e futuro foi o título do relatorio que ofreceu Pedro Miguel Echenique, Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica, nas xornadas dos investigadores. O ponente sinalou que o século XX “é o do triunfo da ciencia e da tecnoloxía”, e revelou a motivación coa que traballan os científicos: “o optimismo, a fe en que o Universo é comprensible”. O ponente dixo tamén que o edificio cultural da ciencia moderna “é a obra colectiva máis importante da Humanidade”. Para Pedro Miguel Echenique son tres as palabras que definen o avance da ciencia no século XX: átomo, xen e bit. Neste contexto, definiu a física cuántica como “a gran revolución conceptual do século XX”, e lembrou a importancia do descubrimento da dobre hélice do ADN xa que agocha o segredo da vida. En canto ao bit, afirmou que “cambiou a cultura”.
Echenique dedicou unha parte da súa exposición a falar da nanotecnoloxía, un campo das ciencias aplicadas dedicado ao control e á manipulación da materia a unha escala menor que un micrómetro, é dicir, a nivel de átomos e moléculas. E contrapuxo esta realidade aos tempos pasados, viaxando no tempo ata o século XIX onde a enxeñería fundaba a eficiencia no tamaño, “e onde o grande era o que producía asombro, respeto e temor”, sinalou.
O Premio Principe de Asturias asegurou na súa intervención que o futuro que ven “é interdisciplinar”. E dixo tamén que o futuro desenvolvemento non pode vir da sobre-explotación dos recursos, “senón que ten que ser consecuencia dun avance importante do coñecemento da materia, aprendendo a facer máis usando menos”, declarou.