DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Benvida aos alumnos

Futuro laboral máis ca positivo para os enxeñeiros de Telecomunicación

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 25/09/2007

A crise das TIC comeza a remontarse e o futuro laboral para os estudantes da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación pinta máis que positivo. Esta foi a mensaxe principal que o director da escola, José María Pousada, quixo transmitir aos estudantes no acto de acollida aos alumnos de primeiro e lección inaugural.
Como mostra de que o seu optimismo non é “inxustificado”, Pousada comentou tres exemplos, tres estudantes que acaban de rematar e que xa están inmersos no mercado laboral con bos postos e salarios que superan os 30.000 euros anuais. Esta visión tamén foi compartida polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, quen comentou o alto número de ofertas que xestiona para esta titulación a Oficina de Orientación ao Emprego: “convídovos a estar atentos a estas ofertas pois, ademais da experiencia que supón, chéganse a ofrecer da orde de 700 e 800 euros por alumnos que aínda non están titulados”.

Consellos de sabio

Ademais do director e o vicerreitor, os estudantes tiveron a oportunidade de escoitar un par de consellos da man do profesor Sigfredo Pagel, que este ano se xubila tras máis de corenta anos impartindo docencia. “Ante todo é básico que elixades adecuadamente a carreira para poder traballar no que vos guste, pois ides ter que lidar con iso o resto das vosas vidas”.
Entre as imaxes da súa dilatada vida profesional, Pagel destacou como aos once anos construíra a súa primeira estación de radio, punto de partida da súa afección polas telecomunicacións. “Isto é fundamental, elixir unha profesión porque estás interesado nela, non porque é o desexo dos teus pais ou porque vas ter altas retribucións”.
“Máis que ensinar, sempre quixen contaxiar a miña experiencia e, sobre todo, o meu entusiasmo”, comentaba o profesor con respecto ao seu papel como docente. “De todas maneiras tedes que ter en conta que a universidade vaivos axudar a pensar, vaivos dar unha serie de elementos, pero a vida profesional ídela afrontar en soidade”, sentenciaba.

Posta ao día

Tras a apertura de curso xeral os alumnos de primeiro tiveron unha sesión informativa para pórse ao día sobre a escola e demais servizos da Universidade dos que poderán gozar. Ademais do director participaron os membros da delegación de alumnos, que lles explicaron quen son e as actividades que realizan, así como membros da xefatura de estudos que falaron do programa de titorización e o profesor Ignacio Alonso, que os informou sobre diferentes técnicas de estudo.