DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade de Vigo e Concello de Cambados organizan a xornada ‘A Gobernanza do Mar’

O futuro da pesca en Galicia depende de que administración, científicos e sector “remen na mesma dirección”

O encontro foi inaugurado pola conselleira Rosa Quintana, polo reitor Salustiano Mato e polo alcalde

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 25/05/2012

A Universidade de Vigo e o Concello de Cambados volven unirse para dar pulo ao sector pesqueiro galego ante a inminente reforma da Política Pesqueira Común, PPC. Co obxectivo de “sentar nunha mesa” aos principais axentes implicados na gobernanza do mar, a Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade organiza a xornada A Gobernanza do Mar, que foi inaugurada pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, polo reitor Salustiano Mato e polo alcalde da vila Luis Aragunde. Dada a importancia que a pesca ten na economía galega, “debemos estar en Europa dunha maneira activa cunha proposta común”, declarou a conselleira, para o que se necesita “que administración, sector e científicos remen na mesma dirección”, base da gobernanza, “buscando que a pesca avance”.

Este encontro, que nace dun proxecto de investigación financiado pola Cátedra Filgueira Valverde da man do profesor Xosé Mahou, deu voz a todos os interlocutores do sector pesqueiro co obxectivo “de achegar reflexións que lle sirvan á Consellería de Medio Rural e do Mar para seguir afondando nas políticas activas de Bruxelas”, declarou Salustiano Mato. Esta idea tamén a reforzou a conselleira Rosa Quintana que lembrou a necesidade de mudar en Europa “a imaxe negativa que teñen de Galicia e que non nos preocupamos de cambiala”. Quintana declarou que a comunidade ten unha gran potencialidade no sector pesqueiro, “o mellor do mundo e de Europa”, mais fai falla “que entre todos sexamos quen de dar valor ao noso, acreditando que nós sabemos pescar” para que o sector siga sendo “unha actividade económica de futuro xeradora de riqueza”, engadiu.

Unha Universidade próxima á súa contorna

O alcalde do Concello de Cambados, Luis Aragunde, agradeceu á Universidade de Vigo o seu compromiso coa vila “achegando estes congresos e seminarios aos veciños de pobos máis pequenos”, neste caso cun evento de grande interese “dada a identidade mariñeira dun concello como o noso”, apuntou o alcalde. Pola súa banda, o reitor Salustiano Mato salientou que esta xornada sobre a gobernanza do mar “é unha mostra da transferencia de coñecemento da Universidade ás institucións e á sociedade, algo que forma parte da nosa actividade diaria” que, unida ao seu carácter multidisciplinar, “permite vincularnos coa nosa contorna e aplicar nela o noso saber grazas a un profesorado que pode investigar dende a cría do rodaballo ata as relacións entre as administracións públicas da man dos nosos politólogos do Grao en Dirección e Xestión Pública”, organizadores desta xornada.

Todos os actores do sector pesqueiro representados

Baixo o obxectivo de ofrecer unha perspectiva global sobre o tema, o encontro reuniu a representantes de todos os axentes implicados na reforma da PPC, dende participación internacional ata principais membros do sector do mar e da pesca en Galicia. Un dos temas de debate foi a posible renacionalización da PPC, de especial interese para algúns países membros da UE, “o que significaría que as competencias en materia de pesca retornarían aos gobernos nacionais”, apuntou Mahou. Non obstante, tal como aclarou profesor, “a UE non entende a gobernanza neste sentido, soamente recoñece certa liberdade de acción por parte dos países membros” e, aínda que a procura dun consenso entre os diferentes axentes implicados “é complicado polos intereses contrapostos”, si que existe unha vontade común “de pór solucións e chegar a acordos”.

Os relatorios comezaron da man de Luc Van Hoof, representante da política pesqueira holandesa, referente europeo no tema da gobernanza do mar. Debateu cos empresarios do sector da comarca a política de coxestión na pesca artesanal implantada no seu país a través da cal, “as decisións non están só nas mans do goberno, senón que se toman de forma conxunta”, explicou o experto holandés, que compartiu mesa con Marta Ballesteros, técnica do CETMAR, que resumiu as principais liñas dun novo modelo de xestión pesqueira, definido en función dos resultados de extracción. A sesión matinal rematou coas intervencións de Argimiro Rojo, catedrático de Ciencia Política da Universidade de Vigo, que contextualizou teoricamente o concepto de gobernanza, de Pascual Souveret, director executivo da Axencia Europea do Control da Pesca e de Antonio Basanta, en representación da consellería, que achegou a perspectiva da administración autonómica con respecto ao tema de debate. A xornada concluíu da man de Juan Carlos Maneiro, secretario xeral do Mar, de Francisco Javier Touza, presidente de ARVI e de Xan López, secretario da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, que actuaron como representantes do propio sector.