DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de innovación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Futuro profesorado aprende a transformar os patios escolares en espazos educativos

A iniciativa completarase coa elaboración dunha guía didáctica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/10/2023

Alén de ser un lugar de esparexemento e de relación, os patios dos centros escolares poden ser tamén un espazo educativo máis, para o que en moitos casos é preciso realizar unha serie de actuacións que lles acheguen un valor pedagóxico. Dotar os futuros e futuras docentes que se forman na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de formación e recursos que lles permitan o día de mañá contribuír a esa transformación dos patios é o propósito central dun proxecto de innovación educativa que se desenvolve neste centro. Coordinado pola profesora da Área de Didáctica da Expresión Plástica Begoña Paz, nesta iniciativa insírese un ciclo de coloquios e talleres levado a cabo nas últimas semanas, completado co desenvolvemento dunha instalación artística, e a elaboración dunha guía didáctica.

Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación educativa impulsada pola facultade neste 2023, Elaboración de instrumentos e recursos para a formación do profesorado de primaria sobre a humanización de patios escolares desde o enfoque artístico-pedagóxico e da educación física abrangueu tamén unha fase de análise das necesidades do persoal docente. A través dun cuestionario respondido tanto por profesorado de educación infantil como de primaria, puideron constatar, como explica Paz, que é unha cuestión “que lles preocupa”, pero tamén “que non teñen unha formación” neste ámbito, á vez que coñecer tanto os problemas que o profesorado detecta no día o día no patio como as súas “preocupacións” respecto do que podería implicar unha posible intervención, en aspectos referidos á seguridade dos escolares ou á súa necesidade de ter “unha visión xeral” de todo o patio.

Da formación á acción

Partindo desa necesidade de formación detectada nos profesionais, o proxecto buscou achegar ao alumnado dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria unha serie de “coñecementos previos”, como apunta Paz, sobre o potencial da linguaxe plástica e visual "na articulación dos espazos sociais e de relación”. Fíxoo a través dun ciclo de conferencias e obradoiros, que abriu o arquitecto Tono Mejuto, do estudio Fermín Blanco, quen presentou ao alumnado unha serie de intervencións que combinan arquitectura e pedagoxía, para logo explorar as posibilidades de transformar os espazos a través de elementos arquitectónicos creando unha serie de maquetas.

Afondar en “como a luz e a cor transforma os espazos” foi, a continuación, o obxectivo do taller impartido polo artista plástico Norberto Olmedo, quen lles presentou “unhas ferramentas e procesos propios da arte”, posteriormente empregadas polo propio alumnado para levar a cabo “unha instalación colaborativa” que pode verse nestas semanas na planta baixa da facultade. Finalmente, este ciclo comprendeu tamén un coloquio dirixido a que as preto de 80 alumnas e alumnos participantes puidesen coñecer “experiencias concretas” de traballo con patios, como os desenvolvidos pola asociación cultural Taller Abierto ou o proxecto realizado o pasado curso polo alumnado da facultade no CEIP A Xunqueira I, nunha iniciativa coordinada pola profesora Cristina Varela, na que o alumnado deseñou unha serie de prototipos de intervención tras reuirse cos nenos e nenas, presentada neste coloquio pola mestra Carmen Quinteiro.

Finalmente, outra das iniciativas inseridas no proxecto é a elaboración “dun pequeno manual”, co que achegarlles unha serie de “pautas” que lles poidan ser de utilidade no seu futuro como docentes, tendo en conta, como lembra Paz, que á hora de intervir un patio escolar precisarán tamén contar con “profesionais que lles axuden a orientarse”.