DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José García Costas, presidente da Cámara de Comercio:

“O futuro do sector naval pasa necesariamente pola construción de buques especializados”

O empresario foi o terceiro convidado do Ciclo de Conferencias de Alta Dirección

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 27/04/2011

O sector naval vigués e galego precisa dun cambio de rumbo para afrontar o futuro con certas doses de confianza. Así o explicou o presidente da Cámara de Comercio de Vigo e conselleiro de delegado de Emenasa, entre outras empresas do sector, José García Costas. O empresaio foi o terceiro convidado do Ciclo de Conferencias de Alta Dirección Empresarial, evento organizado ao abeiro do Foro de Diálogo Universidade-Empresa. Segundo argumentou na súa intervención, “a construción naval do século XXI debe especializarse, este é o futuro, porque non podemos competir con Asia en barcos convencionais como buques de transporte de cru, de cereais ou de contedores”. Un bo exemplo son os barcos que os estaleiros vigueses construíron nos últimos anos como os catro sísmicos que entregou Barreras en 2010 ou o primeiro buque-hotel para auxiliar as plataformas petrolíferas rematado hai 10 días. “Ese é o camiño”, apuntou García Costas, barcos con “alto valor engadido que precisen de tecnoloxías punteiras que aínda non estean ao alcance dos construtores asiáticos”.

Outra das vías se que abren para aumentar a produción do naval galego é o tránsito marítimo entre a península entre os arquipélagos de Canarias e Baleares. “O aumento do turismo nestes destinos nacionais ante as revoltas dos países asiáticos como Túnez ou Exipto fixo aumentar a necesidade de buques”, tanto para o transporte dos pasaxeiros como dos subministros que precisan para dar resposta ao aumento da demanda. O resultado é un buque xa entregado e outros dous pendentes de financiamento, polo que García Costas avogar por “ver o vaso medio cheo aínda nestes momentos complicados que non poden máis que deixar paso a outros mellores”.

Buscar traballo no sector naval

Esta é unha oportunidade que dende o seu punto de vista non se pode deixar escapar e que abre unha boa perspectiva laboral para profesionais ben preparados e formados “coma vos”. O presidente da Cámara de Comercio animou así ao estudantado da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a mirar ao naval como nicho de emprego no futuro, “non só necesitamos técnicos e enxeñeiros, precisamos de moitos xestores porque traballar con moitas empresas auxiliares require das achegas de xente formada en temas de financiamento, de compras, xestión, etc”. Sobre este tema remarcou tamén o perigo que corre o sector que durante moitos anos “fabricou moi poucas cousas tendo de importar moitos compoñentes, sobre todo para interior dos buques”, unha tendencia que nos últimos anos se está comezando a reverter.

O representante do empresariado quixo tamén, a pesar do mal momento económico, destacar que o sector da construción naval segue a contratar, “aínda que con moito esforzo e moi pouco a pouco” e ante esa oportunidade o máis relevante é a formación. García Costas transmitiu ao seu auditorio confianza e ilusión de cara o futuro e animou aos universitarios e universitarias a emprender, a ser empresarios. Como conselleiro delegado de Novacaixagalicia aseguroulles que “aínda que escoitedes que non hai financiamento, as boas ideas ben presentadas e argumentadas, nunca quedan nun caixón”.