DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As Jornadas de Excelencia en la Gestión Universitaria reuniron en Cádiz 14 institucións

O futuro da Universidade pasa polos sistemas integrais de calidade

O vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade subliña a necesidade de estruturas transversais

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 22/11/2010

Dende que as universidades españolas comezaron co proceso adaptación a Boloña comezaron a cobrar importancia dous conceptos que son agora de primordial importancia para o futuro das institución académica, a excelencia e a xestión da calidade. Para o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, o futuro das universidades pasa inevitablemente “pola calidade, pero con sistemas integrados e transversais, non de xeito paralelo”. Para que as universidades avancen neste eido desenvólvense as Jornadas de Excelencia en la Gestión Universitaria que, nesta cuarta edición celebrada en Cádiz, reuniron a representantes de 14 institucións xunto con representantes do Bureau Veritas Certification ou da Axencia Estatal de Evaluación das Políticas Públicas e a Calidade dos Servizos.

Nesta xuntanza participaron xunto co vicerreitor, Ángeles Hermida, directora da Área de Xestión Académica; Cristina Rodríguez, xefa do Servizo de Alumnado; Begoña Fernández, xefa da Sección de Títulos e Plans de Estudo; e Rosa Graña, coordinadora da Unidade de Estudos e Programas. Todos coinciden en subliñar que se trata dun foro onde se debaten as mellores ideas e de onde coñecer experiencias de como están desenvolvendo estes sistemas noutras universidades. No seu transcurso a Universidade de Vigo presentou o Plan Avante, o Plan Operativo de Xestión da Universidade de Vigo ata 2012 que aglutina as diferentes liñas de acción asociadas aos eixes de modernización, xestión académica e da investigación, xunto con tres sesións póster. O primeiro deles centrouse na xestión e mellora dos procesos de xestión na investigación, o segundo na xestión académica e o terceiro no uso de medios tecnolóxicos para o proceso de automatrícula. Sobre a presentación, Barcia puntualiza que espertou bastante interese e mesmo preguntas entre os participantes, polo que valora dun xeito moi positivo a acollida.

A importancia dos sistemas integrados

Cando as universidades comezaron a traballar no tema calidade facíase dun xeito pode que desestruturado, agora a prioridade son os sistemas integrados de xestión da calidade que permite que este tema sexa transversal, que percorra toda a institución, porque todos os eidos deben de falar en termos de excelencia. “Non podemos separar a xestión dos procesos dos procesos en si mesmos”, explica o vicerreitor, “temos que entendelo como algo transversal, porque a calidade e a xestión é primordial para que todo funcione ben”.

Ignacio Barcia apunta tamén que a Universidade participa nun grupo de traballo sobre a xestión da calidade na investigación, tema que centrará unha reunión en Oviedo, a primeira sobre este contido que se celebra en España, que terá lugar na segunda quincena de decembro.