DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xornalista e profesor Luis Álvarez Pousa visita a Facultade de CCSS e da Comunicación

O futuro do xornalismo atópase nas mans da propia sociedade

A economía de mercado, a competividade e a crise económica someten á información

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 05/04/2011

O artigo 20 da Constitución Española recolle que todo cidadán ten dereito a recibir unha información de calidade, valor que segundo o xornalista e profesor Luis Álvarez Pousa se está perdendo. Convidado polo docente da área de Ciencia Política, Álvaro López Mira, na súa conferencia Medios de información baixo sospeita, quixo afondar no perigo que corre a propia profesión de xornalista e a súa esencia mesma pola súa dependencia tanto de forzas económicas como políticas “quedando nas mans da propia sociedade a súa salvación coa reivindicación de algo que lle vén de seu”.

Para Álvarez Pousa, as bases do xornalismo “cambaléanse” e debe ser a cidadanía quen tome conciencia da situación e asuma o rol que lle pertence pois ela é “a verdadeira propietaria legal da información cuns dereitos que pode reclamar en calquera momento”. Considera que o lector “é a gran vítima despois da propia información” xa que non ten asegurada “a recepción da verdade e o coloca nunha inferioridade de condicións”. Esta situación é consecuencia da perda dos valores de verdade, veracidade e obxectividade “que se atopan polo chan”, substituídos por unha “información moi mediatizada, moi controlada, moi deficitaria, moi desvalorizada, moi banal”, caendo nun novo modelo “no que ver xa equivale a comprender”.

Así mesmo a profesión do xornalista tamén periga. Engade que a súa capacidade de intermediación “xa non interesa, resulta un estorbo e é moi custoso”. Agora ben, asume que os xornalistas son “o único aval que ten a sociedade para poder recibir noticias veraces e coñecer o que hai detrás”.

Unha información “de mercado”

No contexto actual, danse moitos factores para que os medios de comunicación estean “baixo sospeita”. Por un lado, salienta Álvarez Pousa, “atópanse os cambios producidos pola proliferación da economía de mercado, o que leva a unha información de mercado e a unha cultura de mercado”. Deste xeito, as noticias quedan sometidas ao xuízo do mercado, “onde o valor informativo depende por completo do valor de cambio”. A consolidación dos novos medios de comunicación tamén condiciona a produción de información, pois implica unha maior competitividade, agravado pola crise económica “que fai máis difícil sobrevivir”.

Ademais dos factores anteriores que restan independencia aos medios de comunicación, na prensa escrita hai que destacar a influencia das forzas políticas, “unha dependencia incluso peor que a do mercado”, recoñece Pousa. Debido á gran competencia e a necesidade de supervivencia, “moitos xornais buscan apoio nas administracións públicas e estes aprovéitanse da situación querendo controlalos”, conclúe.