DUVI

Diario da Universidade de Vigo

X Foro Tecnolóxico de Emprego

Futuros enxeñeiros na procura do seu primeiro contacto co mundo laboral

A novidade desta edición é o achegamento á enxeñaría na competición automobilística

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 15/03/2010
En tempos de crise e paro, a iniciativa persoal é unha das características máis demandas polos empregadores e unha das técnicas máis efectivas na procura do primeiro emprego. Con iniciativa pero tamén con dedicación e esforzo, os estudantes das enxeñarías que se imparten na Universidade de Vigo levan xa dez anos organizando a súa propia feira laboral, o Foro Tecnolóxico de Emprego. Á espera de pechar definitivamente a lista de participantes, a organización cifra en 27 as empresas que xa confirmaron a súa participación neste foro, “unha cifra que chega ata case 40 se contamos todas as entidades colaboradoras”, explica Fernando Lence, coordinador xeral desta décima edición.
O Foro Tecnolóxico de Emprego é un foro de estudantes, eles son os organizadores, e para estudantes, xa que o obxectivo é facilitarlles o primeiro achegamento ao mercado de traballo, sobre todo ao alumnado dos últimos cursos. Este ano participan na organización 23 mozos e mozas da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación, da ETS de Enxeñeiros de Minas, da ETS de Enxeñaría Industrial e da EU de Enxeñaría Técnica Industrial. Entre eles sacaron adiante unha iniciativa que permitirá que entre o 22 e o 25 deste mes de marzo se dean cita no campus de Vigo estudantes e empresas nacionais e internacionais, do ámbito da ciencia e a tecnoloxía, co obxectivo de dar ao alumno información e asesoramento para a inserción laboral e, incluso, ofertando emprego a través dun contrato ou dun bolsa.
Pero a celebración deste foro non é allea á actual conxuntura económica. Segundo explica Fernando Lence, ao tempo que confirmaron asistencia menos empresas, que as ofertas laborais son menos, si agardamos moita máis participación do estudantado en todas as actividades orientadas á busca de emprego, xa que o programa comprende, entre outras, preparación de entrevistas, currículos, etc.

Catro días de presentación, workshops, mesas redondas e coffee break

Peza clave do Foro Tecnolóxico de Emprego é a instalación de stands de algunhas das empresa máis destacadas tanto a nivel nacional como internacional relacionadas co mundo da enxeñaría. Sen pechar definitivamente a lista de participantes, agárdase contar con 18 postos que se poderán visitar, no vestíbulo da ETS de Enxeñeiros de Minas, dende o martes 23 ata o xoves 25. Neles, empresas como R, Egatel, Altran, Applus+, Deloitte, Coremain ou unhas das últimas en confirmar, Repsol, poderán recoller currículos, ofrecer bolsas, informar sobre proxectos e dar a coñecer a súa oferta a todos os asistentes, ademais de servir como un punto de encontro entre entidades do sector das enxeñarías.
Paralelamente, e xa dende o luns 22, darán comezo as presentacións, conferencias e mesas redondas. As presentación das empresas e as conferencias desenvolveranse ao longo dos catro días nos salóns de actos das escolas participantes.

A enxeñaría do automóbil, a gran novidade

Unha das novidades desta décima edición será a celebración dunha mesa redonda na que se debaterá sobre a aplicación da enxeñaría na competición automobilística. O luns 22 a partir das 11.00 horas a ETS de Enxeñaría Industrial acollerá unha mesa redonda para a que se contará coa presenza de pilotos, enxeñeiros e xornalistas e coa colaboración da Federación Galega de Automobilismo. Neste actividade presentarase a colaboración do grupo CIMA, co profesor Antonio Vilán á cabeza, co equipo Cafés Arume, que exporá tamén un dos seus coches, empregado no campionato de montaña, na entrada da escola.
Ademais, desenvolverase un coffee break o mércores 24 de marzo ás 18.00 no que, alumnos de u?ltimo curso e representantes das empresas, compartirán un aperitivo para asi? fomentar, nun ambiente distendido, o contacto directo.
Finalmente, os workshops axudarán aos participantes a enfrontarse á busca activa de traballo. Os días 23 e 24, Daniel Santamatilde, responsable de selección de Altran, impartirá un obradoiro de 11.30 a 14.00 horas, no que ensinará aos interesados a mellorar o currículo e as habilidades nos procesos de selección.