DUVI

Diario da Universidade de Vigo

ForumEmprego 2011 pecha as súa décima edición no campus de Pontevedra

Futuros traballadores con un pé en España e outro en Portugal

Teresa González Ventín, da Rede EURES, explicoulles as oportunidades laborais de vivir na fronteira

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 20/05/2011

“Probablemente ninguén de Vigo rexeitaría unha oferta de emprego na cidade de Pontevedra, entón, por que non contemplar traballar en Valença do Minho?”. Con esta reflexión, Teresa González Ventín, coordinadora do EURES transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, introduciu a posibilidade de aproveitar as oportunidades laborais que os futuros titulados universitarios "da raia" teñen no país veciño, ao abeiro do ForumEmprego 2011, que hoxe se clausura no campus de Pontevedra. Servizos como a Rede EURES facilitan esta mobilidade e “resolven todos os trámites e dúbidas para que o traballador soamente se teña que preocupar do seu labor”, engadiu González Ventín.

“Trátase de non rexeitar ningunha oportunidade, de contemplar todas as alternativas”, aclarou a coordinadora, pois “teredes máis oportunidades de emprego se buscades en Galicia e en Portugal, que soamente en territorio galego”. Recoñeceu que o país luso, como o resto de Europa, se atopa nunha situación económica difícil, pero aínda así “ten unha porcentaxe de desemprego inferior á de España e á de Galicia, e que haxa problemas non significa que non se oferten empregos a diario e que algúns queden sen cubrir por non aparecer o perfil demandado”.

Porta aberta para países en vías de desenvolvemento

González Ventín advertiu das novas posibilidades que se lle están a presentar ás grandes empresas portuguesas en países en vías de desenvolvemento como Brasil, Angola ou Mozambique. “Son territorios nos que se está investindo en construción e en infraestruturas polo que son moitas as empresas lusas que están contratando a profesionais novos para destinar cara eses lugares”, polo que Portugal convértese “nunha boa vía de saída para contactar con países que invisten e que están a demandar man de obra”.

Na cultura popular reina o dito de que Portugal demanda moitos profesionais do eido sanitario, enfermeiros e doutores, pero tamén, outros sectores teñen a oportunidade de aproveitar as vantaxes “de vivir na fronteira”, como o da hostalería, “con moi bos hoteis e cun negocio turístico moi importante e coidado, sen esquecerse da nova proliferación de spas, sobre todo nas zonas transfronteirizas”. Tamén falou do sector auxiliar do automóbil ou do naval, “focos moi interesantes para os futuros titulados en enxeñerías”.

Que é a Rede EURES?

A Rede EURES, Servizos Europeos de Emprego, é unha rede creada pola Comisión Europea, que pon en contacto aos servizos públicos de emprego dos países do Espazo Económico Europeo, do que a Universidade de Vigo é socio. Desde EURES pódese acceder desde a casa a todas as ofertas de traballo dos países membros, ademais de informar das condicións de vida e de traballo do lugar de destino, pois “nós en España coñecemos os tipos de contratos, o salario mínimo, a cobertura sanitaria... pero sabedes o que ocorre nos outros países?”, preguntoulles aos asistentes.

Teresa González Ventín é a coordinadora do EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, encargada desta zona de mobilidade que representa “o 49% dos desprazamentos de toda a fronteira entre os dous países”. Os servizos transfronteirizos diferéncianse dos demais xa que “prestamos unha atención particular a traballadores que están afectados por lexislacións de dous países diferentes, pois nun traballan e noutro residen”. Neste contexto, EURES responde a cuestións relacionadas co pago de impostos, coa asistencia sanitaria, coa seguridade social, coas prestacións por desemprego, “e todas aquelas dúbidas que teña un traballador transfronteirizo”.