DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fuxan os Ventos transportou o Concerto de Nadal a unha “terra de soños”

O grupo volveu vinte anos despois, os mesmos que cumpre a Universidade no 2010

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 16/12/2009
Tras vinte anos de ausencia, Fuxan os Ventos volven a subirse a un escenario da man de Terra de Soños coincidindo co comezo da celebración do vixésimo aniversario da Universidade de Vigo. Con esta coincidencia como escusa, o grupo de folk conseguiu que boa parte do público que ateigou o Centro Cultural Caixanova no Concerto de Nadal fixese unha viaxe á súa mocidade, a uns anos 70 e 80 nos que Fuxan os Ventos era uns dos máximos representantes da música galega e bandeira da reivindicación política pero tamén cultural, cantando a poetas como Darío Xohán Cabana, Ramón Cabanillas, Manuel María ou Celso Emilio Ferreiro, ao que reivindicaron no recital.
Pero entre o público tamén moita xente nova, moitos estudantes para os que Fuxan os Ventos non os levan á súa mocidade, pero si á súa nenez, lembrando os casettes do grupo que escoitaban os seus pais. Así e cun público heteroxéneo pero cun pasado común vencellado ao grupo, o Concerto de Nadal conseguiu unir a todos ao son de temas como A Carolina, O Carro, Sementeira ou O meu amor mariñeiro con momentos de moita intensidade emotiva nos que a máis de un se lle escapou algunha bágoa. E é que boa parte destes temas son cancións de antes pero cunha vixencia moi actual, polo que arrancaron aplausos en varios momentos do concerto en referencia a temas de actualidade hoxe tamén, vinte anos despois, reflectindo problemáticas como a da lingua, a emigración ou a situación do mar e do campo. E entre peza e peza, convidados en formato audiovisual que achegaban as súas impresións sobre o papel que desenvolveu o grupo nos últimos 40 anos a prol da cultura do país. Un espectáculo completo, multidisciplinar e cunha perfecta posta en escena para que máis de dúas horas pasen nun chisco.
Entre os asistentes, amais de boa parte do Equipo de Goberno co reitor ao fronte, estiveron presentes tamén representantes do Concello de Vigo como o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, ou as concelleiras María Méndez ou Iolanda Veloso e directores e decanos de centros como Luis González Piñeiro.

Arroupados polos amigos

Pero Fuxan os Ventos, igual que non estiveron sos na gravación deste novo traballo que puxeron sobre o escenario, Terra de Soños, para esta ocasión especial tamén contaron con amigos, vellos coñecidos do público e músicos de actualidade. Como explicaba a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, “tentamos que no Concerto de Nadal da Universidade se poida gozar dun espectáculo único” e como o prometido é débeda, sobre as táboas estiveron Uxía, Guadi Galego, Rodrigo Romaní, Xabier Díaz (Berrogüetto), Pepe Ferreirós (Milladoiro), Nova Galega de Danza, Miguel Lustres ou a poeta Sabela Rodríguez, que tamén foi membro de grupo.
Entre tema e tema, unha das compoñentes do grupo, Tereixa Novo, explicou que Terra de Soños “é o soño de Galicia, aínda é un soño porque seguimos sen ser donos do noso futuro e esta obra pretende ser un acicate para tomar a batuta do país e do recoñecemento da nosa cultura, historia e lingua propias, hoxe máis que nunca”. O seu compañeiro, Antón Castro, tamén aproveitou a ocasión para recoñecer o traballo a prol da recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial que desenvolve a Universidade a través do proxecto Ronsel.

Unha Terra de Soños en formato CD, DVD e libro

Sen darlle as costas ás novas tecnoloxías, a volta de Fuxan os Ventos aos escenarios veu da man de Terra de Soños, un traballo en formato CD, DVD e libro no que se recolle a gravación de dous concertos en outubro do ano pasado en Santiago. Segundo explicaba o grupo na súa presentación esta é a “escenificación da estreitísima vinculación entre a canción popular galega e as novas formas de expresión do folk”. Así, o traballo recollen o CD vinte temas en directo que son un percorrido polos oito discos do grupo dende a súa fundación aló por 1972. Acompaña o traballou un DVD con 28 cancións destes concertos e un libro, así como contido extra con entrevistas con membros da banda e os convidados. Deste xeito, Fuxan os Ventos retorna para que o seu público volva a vista atrás e lembre o que representaron nun momento especialmente intenso cara ó final da ditadura e os primeiros anos de democracia. Neses tempos foron partícipes do compromiso político e cultural pero sobre todo co idioma propio, coa lingua de todos na que cantaron a algúns dos poetas sobranceiros de Galicia e na que recuperaron ata xeneralizar e popularizar dun xeito irreversible cantigas populares, agora de todos e case convertidos en himnos. Ao seu son, un xeito inesquecible de darlle a benvida ao Nadal, tanto para os membros da comunidade universitaria como para todos os cidadáns de Vigo que acoden cada ano a esta cita na que a Universidade se achega aínda máis á sociedade na que se insire.