DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun relatorio pronunciado na Facultade de Química

G. Giribet achega á Universidade proxectos de filoxenia levados a cabo en Harvard

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 06/05/2008

O proxecto de investigación sobre protóstomos que o Museo de Zooloxía Comparada da Universidade de Harvard publicou recentemente na prestixiosa revista Nature foi o eixo central da conferencia que Gonzalo Giribet, profesor da institución norteamericana, pronunciou na Facultade de Química.
Os protóstomos son grupos de anélidos e moluscos caracterizados pola simetría bilaterial e para entender a importancia deste estudo hai que ter en conta que pese a que constitúen o 95% de toda a diversidade animal, os estudos sobre estes individuos son escasos.
O equipo de traballo que participou neste proxecto marcouse como obxectivo “xerar unha colección de 200 tecidos e obter datos embriolóxicos e de liñaxes celulares”, tal como apuntou Giribet, coordinador da investigación, que engade que “o primeiro paso foi a recompilación de mostras mediante traballo de campo”. Unha vez preparados os exemplares, o grupo centrouse na preparación dunha completa librería de ADN molecular que permitise completar as clasificacións taxonómicas existentes. Os resultados da investigación contribúen á reconstrución da árbore da vida ao publicar unha “matriz completa con 77 especies e 150 xenes”, segundo palabras de Giribet, que lamenta que “a pesar do esforzo realizado seguen quedando taxóns inestables e difíciles de estudar”.

A importancia dos museos

Con respecto ás funcións que deben desempeñar os museos de historia natural, Giribet atribuíulles unha triple misión, posto que ademais de investigar para descubrir novas especies e preservar fondos e coleccións, teñen a responsabilidade de “educar ao público con exhibicións interesantes conciencialos da necesidade de manter a biodiversidade do planeta”, tal como apuntou o propio investigador.