DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Noite Galega das Persoas Investigadoras comprende 50 actividades nas sete cidades

A G-Night ofrece un serán de lecer científico para toda a cidadanía

A expo-feira no edificio Redeiras foi actividade central desta terceira edición

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Feiras e exposicións
  • HRS4R
  • Investigación
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 29/09/2023

Obradoiros manipulativos, exposicións, visitas guiadas, charlas, proxeccións, danza, maxia, espectáculos en vivo….e, sobre todo ciencia, moita ciencia, para celebrar a terceira edición da G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras que este venres encheu de lecer e coñecemento as rúas das principais cidades galegas. Ao longo da tarde centos de persoas as que participaron nas máis de 50 actividades programadas polo consorcio de entidades que están detrás desta proposta, entre elas as universidades e organismos de investigación galegos, liderados pola UVigo. O evento, que se desenvolve simultaneamente en preto de 400 cidades europeas, ten como obxectivo achegar a ciencia e a I+D que se desenvolven nos laboratorios á cidadanía, para que poidan coñecer de primeira man o traballo da comunidade científica e tamén para espertar vocacións entre as e os máis cativos.

A Universidade de Vigo deseñou un programa de actividades espalladas polos tres campus, aínda que foi a sede institucional no Berbés o epicentro da xornada. Ás 17.00 horas o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, xunto coa concelleira de Educación, Recursos Humanos e Formación, Olga Alonso, e a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio inauguraron a expo-feira científica que contou con 19 postos no edificio Redeiras.

O reitor puxo en valor este tipo de actividades de divulgación como ferramentas para proxectar as institucións académicas e os centros de investigación cara á sociedade, para dalas a coñecer e que a cidadanía saiba o que o seu persoal é quen de facer. Para que esta relacións sexa posible destacou o importante papel que xogan dúas iniciativas que se están a impulsar con moita forza na UE: a ciencia aberta, que aposta por que o traballo do persoal investigador este a disposición de todos e todas, e a ciencia cidadá, que significa involucrar a todas as persoas no proceso de formación do coñecemento científico. Estes dous piares son básicos, aos seu entender, para poder facer divulgación científica como a que se fai na G-Night e agradeceu a implicación de todo o persoal que ao longo deste día e de todo ano achega o seu coñecemento aos demais. “É importante ver nos seus ollos o entusiasmo que teñen polo traballo que están desenvolvendo e por xerar novas vocacións entre as e os máis cativos”. Pola súa banda, a concelleira aproveitou a súa intervención para felicitar á UVigo por ter mellorado nas últimas semanas o seu posicionamento en varios ránking internacionais e trasladou os seus parabéns, sobre todo, aos investigadores e investigadoras polo seu “compromiso e impulso para facer un mundo mellor” e pola súa implicación en iniciativas coma esta de divulgación da ciencia. A vicerreitora Belén Rubio, que foi a encargada de repasar todo o programa da G-Night, lembrou que na pasada edición pasaron polas actividades de Vigo máis de 600 persoas e animou a toda a cidadanía a participar para superar esta cifra e, sobre todo, para espertar vocacións científicas entre “os nenos e nenas que se acheguen hoxe aquí”.

Do nano mundo ao espazo, tras mergullarse no mar

Ata a noite, as persoas que se achegaron ao edificio Redeiras puideron mergullarse no solo, coñecer a termografía infravermella, a química verde na industria téxtil, as claves para facer fronte ao cambio climático, as nanopartículas plasmónicas, o funcionamento das neuronas ou do mundo nano e tamén a empregar residuos para limpar a auga, a facer robots, a coñecer a pegada ecolóxica, o mundo das telecomunicacións, etc. Ademais dos grupos de investigación, o alumnado da UVigo tamén quixo unirse a esta celebración científica coa presentación dos proxectos de  UVigo SpaceLab e UVigo Motorsport. 

Paralelamente, a sede da UVigo na cidade tamén acolleu o espectáculo de danza Medo azul: cambio climático e incerteza na xente do mar, do grupo Future Oceans Lab (CIM) e dous obradoiros, un sobre a fabricación de cosméticas a partir de algas, co grupo Biodesost, do CINBIO, e outro sobre as tres escrituras da antigüidade: xeroglífica, micénica e latina, da man do grupo GEAAT. Outra das propostas da tarde foron as conferencias sobre a desigual distribución de custos do cambio climático, a intelixencia artificial e os fenómenos climáticos extremos, así como unha charla do CITMaga titulada Matemáticas para a ciencia e a vida: topoloxía, datos e os segredos de Pompeia

Ciencia nos bares e nas cidades

Unha das actividades que cada edición esperta maior interese entre o público son os paseos científicos pola ría, a bordo da embarcación Inndaga do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, que realizou tres saídas nas que as persoas previamente inscritas puideron coñecer as técnicas de mostraxe de sedimentos e caracterización de propiedades físicas da auga e do fondo mariño que emprega o persoal investigador do CIM. 

Outra das innovadoras propostas que a G-Night propón cada edición á cidadanía é o ciclo Ciencia no Bar, que leva a investigadores e investigadoras da Universidade a diferentes establecementos de Vigo, Ourense e Pontevedra. Trátase de que, nun ambiente distendido e de lecer, o público se achegue a algunhas das temáticas nas que traballan os grupos dos campus. En Vigo o lugar escollido foi o café Vitruvia, que contou coa presenza de Diana Valverde (CINBIO) e Paloma Morán (CIM), que abordaron o impacto do sexo e o xénero sobre as enfermidades e de Ana Larrañaga (Cintecx), que falou sobre a ciencia de datos e o seu verdadeiro propósito. No Café & Pop Torgal de Ourense tiveron lugar dúas charlas científicas da man de María José Vázquez, que explicou a influencia da pornografía sobre as relacións e interaccións sexuais, e de José Manuel Galiña, cun relatorio titulado Barferencias: Historia, Arte e Xerografía. Finalmente, na cervexaría Nada de Pontevedra investigadores de Ecobas e o PostGrowth Innovation Lab falaron debateron sobre como repensar a economía e desaprender para transformar e organizaron obradoiros participativos sobre os límites e as oportunidades da economía nun mundo en crise. Ademais, tamén en Pontevedra e da man do Programa Universitario de Maiores tivo lugar un paseo científico polo río Gafos.