DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A nova responsable do servizo, Rocío Iglesias, pon o acento na atención a necesidades especiais

O Gabinete Psicopedagóxico alíase coas novas tecnoloxías

A vindeira semana comeza un curso sobre hábitos e técnicas de estudo

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 23/11/2011
Cos novos tempos, novas ferramentas, incluso para tratar os problemas recorrentes e habituais. Este é o espírito da nova psicopedagoga dos campus do Vigo e Pontevedra, que tras un mes no posto, decidiu darlle un novo pulo ao Gabinete Psicopedagóxico a través das novas tecnoloxías. Consulta online, ferramentas de traballo dixitais, unha guía virtual de acollida ao novo estudantado, a remuda da web do servizo e mesmo o uso de códigos bidi. Estas son algunhas das propostas que trae baixo o brazo Rocío Iglesias para refrescar e continuar co traballo desenvolto polo Gabinete Psicopedagóxico nos últimos anos, servindo de apoio e asesoramento ao alumnado en cuestións persoais, académicas ou psicolóxicas. O seu obxectivo é rachar “co paradigma de que a educación non pode ser divertida” e aposta por formar con actividades amenas, eminentemente prácticas que fomenten o autocoñecemento.

Para iso, tras a súa primeira toma de contacto co servizo, Iglesias decidiu apostar polas novas tecnoloxías, por mudar a súa web, que se atopa en proceso de remodelación, por ofrecer “ferramentas específicas para cada necesidade especial” e por facilitar documentación e información en formato dixital aumentando a rapidez e a axilidade da atención. Entre outros temas, están dispoñible no portal web folletos e documentación sobre autoestima, técnicas para falar en público, habilidades sociais e relacións interpersoais, motivación, técnicas de estudo e toma de decisións. Por outra banda, e grazas ao emprego do código bidi, unha especie de código bidimensional que contén información codificada, permite o acceso a información e descargas do gabinete.

Pensando no campus de Pontevedra púxose en marcha a consulta online, para que o alumno ou alumna que o precise poida ter atención psicopedagóxica ao momento e sen necesidade de trasladarse a Vigo. Ademais, na cidade do Lérez poden solicitar unha consulta presencial os mércores de cada semana.

Rocío Iglesias está traballando tamén na posta en marcha dunha especie de guía de acollida para o novo estudantado que resuma o que precisan saber os universitarios de novo ingreso sobre as instalacións, consellos, servizos, etc que lle ofrece a institución. Con todo e, a pesar de toda esta aposta polas ferramentas virtuais, o Gabinete Psicopedagóxico mantén un horario diario de 09 a 14 horas de luns a venres no que ofrece un servizo absolutamente confidencia e de balde.

Para comezar, un obradoiro de hábitos e técnicas de estudo

O primeiro dos obradoiros que se pon en marcha neste primeiro cuadrimestre traballará os hábitos e técnicas de estudo, pensando xa na convocatoria de exames de xaneiro. O curso, de 12 horas de duración, bota a andar o vindeiro luns 28 de novembro e remata o mércores 30, en horario de 10 a 14 horas.

Dun xeito eminentemente práctico afondará nas condicións óptimas de estudo, na optimización dos resultados, tratará a procrastinación (actitude de postergar ou deixar para mañá) e as estratexias para vencela, a lectura, a planificación e organización do tempo, técnicas de traballo intelectual como notas, resumos, esquemas ou subliñado, os apuntamentos ou o uso da biblioteca. Por outra banda, os asistentes recibirán formación sobre motivación e metas, memoria, ximnasia mental, concentración e atención, medo ao fracaso e trucos para aforrar tempo e vencelos sen dificultade.

Ámbitos de traballo psicopedagóxico

A pesar de que nas previas aos exames cando máis estudantes recorren ao Gabinete Psicopedagóxico, este servizo está á súa disposición durante todo o curso. De feito, neste primeiro mes de Rocío Iglesias no posto demandaron a súa axuda arredor de 50 persoas.

A axuda e asesoramento que ela ofrece céntrase en catro eidos, respondendo “ás necesidades crecentes tanto no eido académico como persoal”. Por unha banda presta asesoramento sobre calquera cuestión do proceso formativo, “incidindo no rendemento académico”, explica Iglesias. Por outra, traballa na prevención de situacións complexas, de risco ou de falta de adaptación ou de motivación ao tempo que ofrece estratexias de aprendizaxe, de traballo intelectual, de comprensión e de autoestima. Finalmente, incide a psicopedagoga na necesidade de traballar na interrelación entre o eido académico e o persoal, ambos moi ligados sobre todo nos primeiros curso da etapa académica.