DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 18 ao 20 de febreiro na sala IV do Edificio Miralles

O Gabinete Psicopedagóxico desvela diferentes estratexias para reducir a ansiedade ante os exames e afrontalos con éxito e tranquilidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 04/02/2009

Non consegues desprenderte da axitación, do desacougo, da inquietude e preocupación por mor dos exames? Para axudar aos estudantes a superar todos estes obstáculos, o Gabinete Psicopedagóxico organiza o taller Redución da ansiedade ante os exames que se celebrará do 18 ao 20 de febreiro na sala IV do Edificio Miralles.
Ter coñecemento da propia aprendizaxe, descubrir estratexias para afrontar os exames e aumentar o rendemento académico son os obxectivos deste obradoiro.
“A percepción dunha alta demanda, sobre todo en épocas de exames, no asesoramento ante situacións de estrés fixo que cada ano se organicen este tipo de cursos”, explica a directora do taller María Rodríguez; “trátase dun traballo en grupo, pero á vez personalizado, que facilita compartir experiencias para intentar superar estas situacións”, engade.
Os tres propósitos formulados na elaboración deste obradoiro levaranse a cabo coa exposición de contidos teóricos combinada con diferentes clases prácticas por parte de María Rodríguez e a pedagoga Cristina Miniño. Deste xeito, na primeira das sesións farase unha aproximación xeral ao termo ansiedade, analizándoo logo dende unha perspectiva psicolóxica. Na segunda xornada falarase da relación motivación-ansiedade e dos diferentes tipos de pensamentos deformados, entendidos estes como “razoamentos fundados en situacións irreais e subxectivas” subliña Rodríguez, “isto é, por exemplo, pensar que todos saben máis ca un mesmo” explica; neste senso ensinarase aos participantes a autoavaliarse e poñer en marcha diferentes estratexias para poder afrontar estas reflexións imaxinarias e enganosas. O último día, previa a unha avaliación final, as monitoras exporán os diferentes trucos para reducir ese nivel de ansiedade coa exemplificación de cuestionarios e exercicios prácticos.
O mércores e xoves as sesións serán de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas; o venres só se impartirá en horario de mañá.

Formalización da matrícula

A inscrición no obradoiro está aberta ao público en xeral cun límite de 20 prazas. Para poder participar nel é preciso aboar a cantidade de 4,5 euros ou 3 euros no caso dos estudantes bolseiros. Os interesados aínda están a tempo para formalizar a matrícula ata o día 17 de febreiro; deberán depositar a cantidade correspondente en calquera sucursal de Caixanova, indicar o código e título do taller, encher a ficha de inscrición facilitada nos puntos de información e matrícula ou ben no enderezo web http://extension.uvigo.es/contidos/gabinete_psicopedagoxico e entregar o resgardo do ingreso bancario xunto a ficha de inscrición cuberta e, de darse o caso, o documento que xustifique ser bolseiro da Universidade en calquera rexistro dos tres campus ou en Extensión Cultural no Edificio Miralles.

A finalidade do gabinete

Dependente da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, o Gabinete Psicopedagóxico é un servizo destinado a atender os problemas académicos e persoais dos alumnos que o soliciten. Os seus principais obxectivos son o asesoramento aos estudantes na planificación e desenvolvemento da súa traxectoria académica e profesional, o incremento dos niveis de autoestima e motivación, a mellora nos hábitos de estudo e a adecuación e optimización das decisións académicas.
O servizo do gabinete, totalmente gratuíto e confidencial, está presente no tres campus. Pódese concertar cita a través dos teléfonos 986 813 630 e 986 818 632 ou ben enviando un e-mail coa dúbida ou problema a consultar ao enderezo de correo electrónico gabinetepsicopedagoxico@uvigo.es