DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obradoiro celebrarase os días 20, 21 e 22 de novembro

O Gabinete Psicopedagóxico ensina as claves para obter o mellor rendemento académico

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 13/11/2012
A época de exames adoita estar acompañada de grandes niveis de ansiedade e angustia entre o alumnado. A falta de tempo derivada dunha equivocada planificación, escaso orde ou pouca motivación pode xogar unha mala pasada, facendo que o estudantado obteña uns resultados que poden non corresponderse cos seus obxectivos iniciais. Co fin de evitar estas situacións, o Gabinete Psicopedagóxico da Universidade de Vigo organiza un obradoiro que ensinará as estratexias e claves coas que mellorar o rendemento académico. Tratarase de achegar aos asistentes técnicas de relaxación e control do pensamento que axuden a aproveitar todos os recursos dispoñibles para obter as mellores cualificacións.

Técnicas clave con grande acollida entre o alumnado

No obradoiro afondarase en elementos clave como a planificación, a motivación ou o autocoidado tanto físico coma emocional para evitar que a época de máxima esixencia para os estudantes sexa aínda máis dura. Neste obradoiro explicarase aos participantes que é necesario coñecer os obxectivos a lograr cada un sen descoidar hábitos de suma importancia coma o tempo de lecer, unha alimentación saudable, practicar deporte ou técnicas de relaxación para perder o medo a quedarse en branco e lograr a concentración á hora de estudar. Como indica Rocío Iglesias, responsable do servizo, “o noso obxectivo é que o alumnado recorde que no estudo está a clave para converterse en grandes profesionais e que iso non se acada só pasando pola universidade, senón deixando que a universidade pase por cada un deles aproveitando todos os recursos que teñen a súa disposición”.

O obradoiro celébrase cada ano ao longo do primeiro cuadrimestre e “sempre tivemos unha calorosa acollida entre os estudantes dos tres campus e dos seus respectivos centros adscritos”, indica a psicopedagoga. O feito de que sexa un programa dinámico e innovador que fomenta a participación do alumnado, a aprendizaxe en grupo e o pensamento positivo “fai que sexa unha experiencia satisfactoria e que moitos decidan repetir ano tras ano para facer súas unhas innovacións propias que nos incluímos”.

Prezos e prazos

O obradoiro impartirase de 11.00 a 13.00 h os días 20, 21 e 22 de novembro na sala II do Edificio Miralles. Terá un prezo de 4,5 euros para o público en xeral e de 3 euros para o alumnado que goza de bolsa de estudos. Os interesados poden formalizar a matrícula a través da páxina web de Extensión Universitaria.