DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun obradoiro práctico de habilidades oratorias

O Gabinete Psicopedagóxico ensina técnicas para falar en público

Celebrarase do 24 ao 26 de abril no Edificio Miralles

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 18/04/2012
Para moitos estudantes universitarios a hora de presentar un traballo en público ou facer un exame oral é un peores momentos aos que se enfrontan como alumnos. Pero de cara á súa carreira profesional desenvolver estas habilidades oratorias é necesario polo que o Gabinete Psicopedagóxico da Universidade vai poñer en marcha un obradoiro práctico para axudar ao alumnado a falar en público.

O curso desenvolverase entre o 24 e o 26 deste mes de abril no Edificio Miralles e, segundo indica a psicopedagoga, Rocío Iglesias, o obxectivo é “aprender as claves e ferramentas básicas necesarias para coñecer en que consiste a ansiedade, identificando as nosas respostas ante ela e aprendendo estratexias para previla e controlala á hora de falar en público, así como mellorar no eido das habilidades sociais”, incidindo por exemplo na oratoria, na redacción e no coaching.

Atendendo ao programa, o obradoiro vai máis aló de perder o medo a falar en público, é, como apunta a propia psicopedagoga, “un programa de crecemento e mellora persoal integrando no desenvolvemento desas habilidades sociais expositivas e comunicativas a orientación e unha metodoloxía práctica e participativa”. Así, os asistentes poderán descubrir melloras posturais, realizar exercicios de respiración e relaxacións e outras moitas claves para controlar a ansiedade. Todas estas novas habilidades serviranlles aos asistentes para “deseñar estratexias e crear vantaxes competitivas” tanto no eido educativo e profesional futuro como no persoal. Ademais todo o aprendido deberán poñelo en práctica ao rematar o curso para verificar, como apunta Rocío Iglesias, “como as nosas eirugas se van convertendo en bolboretas”.

O prezo do curso é de 4,5 euros, mentres que para os bolseiros o custe redúcese a 3 euros. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o vindeiro luns día 23. O horario do curso será de 10.00 a 12.00 horas os días 24, 25 e 26 de abril. Os interesados en inscribirse poden facelo no seguinte correo electrónico: gabinetepsicopedagoxico@uvigo.es