DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartirase de 11 a 13 horas os días 16, 23 e 30 na sala de ioga do edificio de Deportes

O Gabinete Psicopedagóxico inicia este xoves un obradoiro sobre mindfulness para alumnado

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 14/03/2017

A falta de atención e concentración interfire na aprendizaxe e tende a asociarse coa tensión. De feito, algúns estudantes pasan máis tempo dicindo que deberían estudar que propiamente estudando. Para tratar de previr este tipo de situacións de axudar ao alumnado a adestrarse mentalmente, o Gabinete Psicopedagóxico pon en marcha un obradoiro de mindfulness no que exercitarán a atención e poderán mellorar a súa aprendizaxe. O taller desenvolverase os xoves 16, 23 e 30 deste mes de marzo de 11 a 13 horas na sala de ioga do edificio de Deportes. Rocío Iglesias, responsable do gabinete, explica que “mindfulness, ou o que é o mesmo, atención e conciencia plena, pretende que os nosos estudantes se centren no aquí e agora, prestando unha atención concreta e sostida que lles permita comprender mellor e render máis, porque manter a mente concentrada pode afectar positivamente á mellora dos resultados académicos”.

O obxectivo do obradoiro é que o estudantado focalice ao máximo a atención cara o que fan en cada momento e poidan mellorar o seu rendemento académico, conseguindo ademais que a aprendizaxe constitúa unha experiencia feliz. A finalidade “non é outra que adestrar a mente para que sexa capaz de poñer plena atención cara a unha tarefa concreta”, lembra Iglesias. Sobre isto, engade, “a National Academy of Sciences sinala que se a atención enfócase nunha soa tarefa, a capacidade de rendemento aumenta". As actividades do obradoiro estarán encamiñadas a fomentar a conciencia da acción, a acougar a mente e a profundar en dimensións emocionais responsables da atención, como destaca Rocío Iglesias.