DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Gabinete Psicopedagóxico ofrece estratexias para falar en público e aumentar o rendemento da memoria

Nuns cursos, do 24 ao 26 de xuño e do 1 ao 3 de xullo, respectivamente

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 18/06/2009

Hai persoas ás que lles custa falar en público e outras ás que a memoria nos lles funciona todo o ben que quixesen. Ante estes problemas o Gabinete Psicopedagóxico organiza dous cursos para superar estas trabas que se presentan no labor diario, sobre todo dos estudantes, baixo o nome de Habilidade para falar en público e Aumenta o rendemento da túa memoria, do 24 ao 26 de xuño e do 1 ao 3 de xullo, respectivamente, no Edificio Miralles en horario de mañá e tarde, agás a última xornada que será só de 10.00 a 14.00 horas.
“Técnicas e consellos para falar en público, exercicios prácticos do aprendido e aplicación a situacións reais será o que tentaremos levar a cabo para axudar aos mozos, e non tan mozos, a superar o medo escénico”, explica Cristina Miniño, psicopedagoga no gabinete. Por outra banda, para aumentar o rendemento da memoria “empregaremos diferentes recursos, aprenderemos a optimizar o rendemento académico e a mellorar a calidade de aprendizaxe”, sinala Miniño.
Esta xa non é a primeira vez que se realizan estes cursos, “ámbolos dous xorden dunha alta demanda por parte do alumnado”, subliña Eva Souto, responsable do gabinete. “O primeiro deles axudaraos sobre todo para a exposición de traballos ou exames de tipo oral; en canto ao segundo, son moitos os estudantes que se cuestionan a súa capacidade memorística e pretenden desenvolvela para optimizala o máximo posible”, apunta Souto.

Explicacións teóricas con exercicios prácticos

Eva Souto e Cristina Miniño serán as encargadas de impartir ámbolos dous talleres. Habilidade para falar en público comeza cunha presentación dos conceptos básicos a traballar nas presentacións orais e logo divídese en tres bloques. Deste xeito, na primeira xornada trataranse as diferentes habilidades para falar en público, cunha posta en escena das mesmas; o segundo día, explicarase como preparar unha intervención en público, “ofrecéndolles, por exemplo, consellos para conseguir fluidez verbal ou amosándolles a importancia da comunicación non verbal”, sinala Souto; durante a tarde desta mesma xornada e ao longo da mañá do día seguinte, verase cómo empregar as técnicas en distintas situacións reais, “co fin de que adquiran unha retórica á hora de falar en público”.
No seminario Aumenta o rendemento da túa memoria “explicarase como funciona este proceso e os recursos necesarios para aumentar o seu proveito mediante estratexias e regras mnemotécnicas”, explica Souto; do mesmo xeito, “ensinaremos como mellorar a calidade de aprendizaxe de cara ao estudo, a través da memoria visual, auditiva...”, engade Miniño.
En xeral, a programación dos dous talleres segue unha dinámica teórico-práctica, “todas as sesións teóricas, imprescindibles e necesarias, terán a súa parte máis técnica para que os alumnos practiquen e melloren as súas habilidades”.

Información e matrícula

Os cursos están abertos ao público en xeral, pero os contidos diríxense fundamentalmente aos alumnos. Para participar só é preciso aboar a cantidade de 4,5 euros ou 3 euros no caso dos estudantes bolseiros. Aqueles interesados aínda están a tempo, o prazo de inscrición remata tres días antes do comezo de cada un dos cursos.
Para formalizar a matrícula débese ingresar a cantidade correspondente en calquera sucursal de Caixanova indicando o código e título do taller, encher a ficha de inscrición facilitada nos puntos de información e matrícula ou ben no enderezo web do Gabinete Psicopedagoxico e entregalo, xunto cun documento que xustifique ser bolseiro de darse o caso, en calquera rexistro dos tres campus ou en Extensión Cultural no Edificio Miralles.

A misión do gabinete

Dependente da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, o Gabinete Psicopedaxógico é un servizo destinado a atender os problemas académicos e persoais dos alumnos que o soliciten. O asesoramento aos estudantes na planificación e desenvolvemento da súa traxectoria académica e profesional, o incremento dos niveis de autoestima e motivación, a mellora nos hábitos de estudo e a adecuación e optimización das decisións académicas son os seus principais obxectivos.
O servizo do gabinete, totalmente gratuíto e confidencial, está presente nos tres campus. Pódese concertar cita a través dos teléfonos 986 813 630 e 986 818 632 ou ben enviando un e-mail coa dúbida ou problema a consultar ao enderezo de correo electrónico gabinetepsicopedagoxico@uvigo.es