DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No desfile promovido polo Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda en Pontevedra

Gabriel Viñal triunfa en Debut 2023 cunha colección que busca "dignificar os espazos do home homosexual"

Tamén foron premiadas Wêdyla Rodrigues e Carolina Bouza 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/11/2023

Good as you. Ese é o título da colección que na noite deste venres permitiu a Gabriel Viñas alzarse co primeiro premio en Debut 2023, o desfile no que os novos titulados e tituladas do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda presentan os seus proxectos de fin de estudos. “É unha colección que fala da representación do home homosexual, desde finais da década de 1970 ata o fin do milenio e que busca recoñecer e dignificar os espazos e as linguaxes que foron dos homosexuais, por sorte ou porque lles tocou”, explica Viñal do traballo que lle permitiu alzarse co Premio Debut 2023 ao deseño e á creatividade, outorgado pola Fundación Bimba y Lola e cunha dotación económica de 5000 euros. 

Cunha “tremenda ilusión e sorpresa” e tamén “con orgullo por defender unha idea e unha mensaxe un pouco política”, recollía Viñal este galardón, que “dáche unha visibilidade a abre portas interesantes”, recoñecía. Por outra banda, no desfile celebrado na noite deste venres no Pazo da Cultura tamén foron premiados os proxectos de Wêdyla Rodrigues e Carolina Bouza. Rodrigues obtivo o premio á colección con valor artesanal, outorgado pola Fundación Artesanía de Galicia e a Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia e dotado con 1700 euros, por Dávida, unha colección inspirada nos pobos indíxenas do Brasil. Bouza, pola súa banda, converteuse na gañadora do novo premio Alma Atlántica, promovido coa colaboración de Bodegas Martin Codax e cunha dotación de 1000 euros, grazas a Sueño.vigilia, un proxecto inspirado na novela A outra parte, de Alfred Kubin.

“Unha festa da creatividade e do deseño”

Unha trintena de coleccións saídas do mestrado da Facultade de Deseño protagonizaron un desfile que congregou preto dun milleiro de persoas no Pazo da Cultura, na primeira edición en que Debut contaba con prezo de entrada. Entre os asistentes atopábanse o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; o decano comisario da Facultade de Deseño, Marcos Dopico, e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez. Como “unha festa da creatividade e do deseño” presentou a coordinadora deste mestrado, Lola Dopico, un desfile no que, en primeiro termo, presentáronse os proxectos que 17 novos titulados e tituladas desenvolveron como traballos de fin de máster (TFM). Estes foron avaliados por un tribunal integrado por Elisabeth Fernández e Pablo Pallardo, directores de RTW e accesorios de Bimba y Lola; Cristina Guimarães e Monste Tarré, directoras téxtil e de complementos de Parfois, e Rosana Álvarez, CEO de Painter´s Wife.

“Esta presentación permítenos amosar o mellor do talento que sae das nosas aulas”, salientou Dopico, que agradeceu o apoio do Concello e de diferentes institucións a un “proxecto formativo”, no que proxectar “o mellor facer destas novas xeracións” e o seu “desxo por comunicar o que lles gusta e o que lles apaixona”. 

Nese senso, o desfile permitiu coñecer, xunto ás coleccións premiadas, proxectos como Equus, no que Lara Cores afonda na relación entre persoas e cabalos, ou Re-worked, que Daniel Selas inspirou na estética de obreiros e albaneis. Tamén puideron verse proxectos que miran cara o pasado, como a colección de estética sesenteira Florita, de Antía Vieiro, ou o proxecto gue Erika Amor centrou na década de 1990, xunto con propostas inspiradas no universo infantil, como Me lo pido, de Andrea Eiras, e Marreroland, de Acoidan Marrero. Unha reflexión sobre uso excesivo das tecnoloxías foi o punto de partida de Fomo, de Laura Rodríguez, mentres que os elementos cotiáns e as interconexións persoais inspiraron Sobremesa perpetua, de Mateo Barcia. Tamén houbo espazo para traballos inspirados en obras cinematográficas, como Gironne delle Marie, na que Sergio Vidal parte do filme 120 días en Sodoma, de Pier Paolo Pasolini; ou L´amour pour le mer, na que Uxía Armada reintrepreta os deseños mariñeiros. Raquel Abad, pola súa banda, fusionou en Naked o loito na época vitoriana coa estética do glam rock, mentres que Alba Granado presentou Species plantarum, que leva ao téxtil morfoloxías do mundo vexetal. Así mesmo, Evelin Carrillo combinou a música de Prince e a ciencia ficción en May you live to see the dawn e Natalia Rama conectou o ilusionismo e o estilo de vida do dandi en Metamorfosis de doble lift

O desfile completouse cun segundo bloque no que se presentaron os proxectos desenvolvidos o pasado ano, no primeiro curso do mestrado, por 13 alumnos e alumnas. 

Peche a unha semana dedicada á moda

Por outra banda, o desfile puña peche tamén a unha semana de actividades formativas centradas no mundo da moda, na que se desenvolveron talleres sobre a elaboración de bolsos de pel ou a creación de complementos cerámicos, promovidos coa colaboración de Artesanía de Galicia. Tamén dentro da programación de Debut 2023, os novos titulados e tituladas mantiveron horas antes do desfile unha serie de entrevistas con responsables de recursos humanos de empresas do sector Inditex, Adolfo Domínguez, Parfois ou Purificación García.