DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes de Europa, Oriente Medio e Latinoamérica participan no curso da Área de Normalización Lin

O galego esperta curiosidade máis aló das nosas fronteiras

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 22/07/2011
Que poden ter en común un grupo de 18 estudantes procedentes de países tan diferentes coma Palestina, Alemaña, Italia, Hungría, Finlandia, Irlanda e incluso Chile? A resposta é, para eles, clara “A pesar de que chegamos a Galicia por motivos ou razóns persoais diversas, agora mesmo todos temos un obxectivo similar, aprender galego”, apunta a socióloga e xornalista de orixe húngaro Andrea Pauleczki. Co fin de cumprir o seu obxectivo, estes 18 alumnos e alumnas participan no V Curso de verán de lingua e cultura galega organizado pola Área de Normalización Lingüística.

Idioma e cultura a través de clases e visitas culturais

Son estudantes estranxeiros de intercambio, investigadores, familiares de galegos emigrantes ou simplemente mozos e mozas que esperan atopar en Galicia a súa oportunidade laboral. Deste xeito, este curso non só lle permite coñecer de forma teórica a cultura e o idioma a través de clases adaptadas ao seu nivel de coñecemento, senón que tamén teñen a posibilidade de asistir a conferencias, relatorios e actuacións coma baile, música ou literatura. O curso compleméntase con visitas a lugares emblemáticos de Galicia como os petroglifos de Val Miñor, as Illas Cíes, as Dunas de Corrubedo ou a visita a Santiago de Compostela o día do Apóstolo.

A pesar de que para moitos deles a estancia en Galicia é provisional, agora mesmo non descartan quedarse, polo que consideran moi importante para a súa formación aprender un idioma e unha cultura á que “é fácil adaptarse xa que a xente é moi aberta e sociable, facilitando o contacto e o inicio de conversas. As veces falaban en galego e cambiaban de idioma para falar comigo e foi cando pensei que eu tamén quería falalo”, di a finlandesa Annastiina Virkkunen, estudante de Márketing cunha bolsa Erasmus. Estas verbas son apoiadas por Samar, unha estudante palestina que tras estudar Filosofía en Santiago de Compostela regresa ao seu país natal tras o verán, pero espera volver xa que “o clima, os amigos e un futuro laboral son cousas que me atan para quedarme”.

Afondar na cultura dos antepasados

Iso é o que lle ocorre a Pablo José Prieto Nieto, un arquitecto chileno neto de emigrantes galegos. Para el, poder vir a Galicia e facer un curso de galego no que tamén se afonda na cultura “é toda unha oportunidade. Levo tempo querendo vir a Galicia para saber de onde procedo e cales son as miñas raíces. En Santiago de Chile recibín información deste curso, busquei os datos necesarios sobre el e dinme conta de que esta era a oportunidade que estaba esperando”.

Máis atrás se remontan as motivacións da irlandesa Bernie O’Rourke, profesora de Tradución e Lingüística, unha apaixoada das linguas celtas que non se perde ningún curso de galego xa que “hai que mirar por el. Coñezo moitas lendas que vinculan a Galicia con Irlanda e a súa cultura. En especial chámanme a atención as semellanzas entre o gaélico e o galego, xa que ambos estiveron sometidos a unha lingua considerada maioritaria. O idioma de Galicia debería aprender dos éxitos e dos fracasos do gaélico e plantexar un futuro que permita vivir en galego, aínda que a planificación lingüística de Irlanda ten case un século de vida mentres que en Galicia comezou nos anos 80”, apunta.

Todos eles, con motivacións diferentes, comparten ao longo destes días horas de docencia, ocio e cultura nun curso que os mergulla nunha Galicia que os agardará en vindeiros veráns.