DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Humberto Michinel vén de ser elixido membro do comité xestor que porá en marcha a entidade

Un galego nas orixes da Sociedade Africana de Óptica e Fotónica

O físico da Universidade de Vigo é o único español do grupo

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 17/01/2014

Cando unha área de coñecemento vai adquirindo certa madurez, os seus profesionais e investigadores soen apostar por pór en marcha unha sociedade científica no marco da cal reunirse, intercambiar resultados, establecer sinerxías de traballo, difundir os estudos e avances que se realizan e dar en definitiva máis pulo a esa parcela de saber e aos seus protagonistas, co obxectivo de contribuír en última instancia a un maior desenvolvemento da sociedade. Este é o caso da física en África, que na actualidade traballa na creación dunha Sociedade Africana de Óptica e Fotónica. O galego Humberto Michinel vén de ser escollido para formar parte do comité xestor que porá en marcha esta sociedade.

Esta semana, na cidade de Dakar, capital de Senegal, tivo ligar a reunión de constitución do comité xestor que traballará na creación desta sociedade. Foi nesta cita onde o físico da Universidade de Vigo foi elixido para entrar a formar parte do grupo xestor. Vicepresidente da Comisión Internacional de Óptica (ICO) e coordinador do Mestrado en Fotónica e Tecnoloxías do Láser da Universidade de Vigo, o docente é o único español seleccionado para participar no comité. Amosando a súa satisfacción polo nomeamento, Michinel salienta que “a Sociedade Africana de Óptica terá como obxectivo a promoción deste campo da física no continente africano, tal e como fan sociedades análogas como a americana ou a europea nos seus respectivos ámbitos xeográficos”.

2015, ano clave

Humberto Michinel é un dos só catro expertos non africanos que forman parte do comité xestor do que nacerá a sociedade. Xunto ao docente da Universidade de Vigo representarán á comunidade científica internacional Anthony Jhonson, da Universidade de Maryland, en USA, e expresidente da American Optical Society; Toyohiko Yatagai, da Universidade de Utsonomiya, de Xapón, e actual presidente da International Society for Optics and Photonics (SPIE), e Joseph Niemela, do Abdus Salam International Centre for Theoretical Physics (ICTP), de Italia.

Segundo explica o docente do campus de Ourense, o comité agarda que a posta en marcha desta nova sociedade, que dará impulso e visibilidade á óptica e á fotónica en África, teña lugar a comezos do ano 2015. “Dáse a circunstancia especial de que a súa creación terá lugar nun ano que as Nacións Unidas acaba de declarar Ano Internacional da Luz e as Tecnoloxías Baseadas na Luz”, apunta Humberto Michinel. Precisamente no proxecto de resolución no que se declarou esta conmemoración, as Nacións Unidas fixo fincapé na importancia das aplicacións destas tecnoloxías para o futuro e na necesidade de promover nos países en desenvolvemento o acceso e fomento da ciencia e da tecnoloxía, cuestións que están moi en consonancia cos propósitos que impulsan a creación agora da Sociedade Africana de Óptica e Fotónica.