DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Galego e portugués, curmáns para potenciar a internacionalización

Universidade e Instituto Camoes potenciarán a ensinanza do idioma luso entre o estudantado estranxei

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 09/11/2010
É a que máis alumnado portugués ten e a que dispón dunha maior cantidade de créditos de todo o Sistema Universitario de Galicia. Por iso a alianza entre a Universidade de Vigo e o Instituto Camoes só é un paso natural, unha "colaboración estratéxica para afianzar proxectos con países emerxentes como Chile, Brasil ou México e a través deles poder estar negociando con grandes potencias como China ou Estados Unidos ao mesmo nivel", como explicou Salustiano Mato, reitor da universidade viguesa, tras unha reunión mantida na Casa Arines coa presidenta do Instituto Camones, Ana Paula Laborinho. Para mostra, un botón: Macao é unha rexión administrativa de China na que ata o 2049 a lingua oficial será o portugués e que foi designado polo goberno asiático como plataforma loxística e de relación con todos os países de fala portuguesa, o que "servirá tamén para unha circulación máis sinxela entre Galicia e a potencia china", apuntou Laborinho.

Colaboradoras desde hai tempo, agora as dúas institucións quixeron incidir no valor económico da lingua e no seu poder como "elemento de enlace" que levará á Universidade a penetrar "grazas ao portugués nun tecido poboacional moi grande como é Brasil, con 650 millóns de falantes, por riba do mercado anglosaxón". Unha colaboración que se desenvolve desde hai catro anos cun convenio entre a Facultade de Filoloxía e Tradución e o Instituto Camoes permite potenciar a ensinanza do portugués no Centro de Linguas da Universidade de Vigo entre todo o alumnado estranxeiro que se matricule na institución académica viguesa.

Lingua, ciencia e investigación

Pero a unión entre ambas entidades dará un paso máis aló "con proxectos ambiciosos nos que se pretende ligar lingua con ciencia e investigación a longo prazo", como explicou Laborinho. O Centro Internacional de Posgrado do Campus do Mar axudará a subir un chanzo: universidades lusas e galegas conxugarán os seus mestrados para dar unha oferta de maior excelencia e atraer a alumnado estranxeiro que empregará o inglés como lingua franca nos seus estudos pero que verá como o galego e o portugués vanse coando pouco a pouco nas súas vidas. "Aprender estes idiomas irá no paquete de estudos, xa que cando fagan prácticas ou queiran relacionarse co tecido empresarial terán que facelo nestes idiomas. Educaranse nun mercado novo no que deberán mergullarse para poder vender, xa que esta é a porta de entrada aos países emerxentes", recalcou Mato.

Proxectos de presente e de futuro para "internacionalizar o idioma, un capital que pode transformarse en vantaxe nestos tempos de dificultade", sentenciou a presidenta do Instituto Camoes.