DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fernando Blanco, Abel Losada e Pedro Puy expuxeron argumentos a favor e en contra da fusión das enti

Galeguidade e solvencia fronte a respecto á autonomía das caixas galegas

Nunha mesa redonda celebrada no salón de graos da Facultade de CC Económicas e Empresariais

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/02/2010

BNG, PSdG-PSOE e PPdG, a través dos seus deputados, Fernando Blanco, Abel Losada e Pedro Puy, puxeron de manifesto este xoves na mesa redonda organizada pola Vicerreitoría de Relacións Institucionais e celebrada no salón de graos da Facultade Ciencias Económicas e Empresariais os seus argumentos a favor e en contra dun proceso de fusión de Caixanova e Caixa Galicia, ao tempo que tamén expresaron as súas diferenzas en relación coa decisión do Goberno central de recorrer a Lei de Caixas aprobada o pasado mes de decembro polo Parlamento Galego.
Nun ateigado salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, o presidente do Tribunal de Garantías da Universidade de Vigo, Luis Espada Recarey foi o encargado de moderar o debate no que os deputados do PP e do BNG coincidiron en defender unha fusión entre as caixas galegas, mentres o deputado do PSdG, Abel Losada, criticou abertamente esta fórmula por ir, dixo, contra a vontade dunha das entidades. Así, nun escenario de crise como o actual, no que o Goberno central aprobou o FROB (Fondo de Reestruturación e Ordenación Bancaria) Pedro Puy manifestou abertamente o respaldo do Goberno galego “á fusión das caixas. Fusión que é perfectamente viable e que é a mellor solución para Galicia”, asegurou o parlamentario popular que defendeu “a galeguidade e a solvencia” no proceso de fusión. Unha tese defendida tamén polo parlamentario do BNG, Fernando Blanco que asegurou que “unha fusión entre as entidades galegas permitiría que a entidade resultante quedase en Galicia, onde tamén se manterían os centros de decisión”. Fronte as posturas do PPdG e do BNG, situouse o parlamentario do PSdG, Abel Losada que denunciou que a vía escollida polo PPdG para impulsar a fusión “é claramente equivocada”, a tempo que acusou os populares de “querer dobrar a vontade dunha das caixas que se opón á fusión”. Para Losada “non se pode fusionar a que non quere ser fusionado. É claramente negativo para o sistema financeiro galego”.

Argumentos a favor e en contra da Lei de Caixas

A Lei de Caixas aprobada o pasado mes de decembro no Parlamento galego cos votos a favor de PPdG e BNG e a oposición do PSdG, centrou boa parte das intervencións dos parlamentarios. Fernando Blanco que lembrou a aspiración do BNG de que Galicia conte cun banco público, lembrou que a os nacionalistas incluían no seu programa electoral a creación dunha lei de caixas cos obxectivos de “que os galegos e galegas acadasen unha representación nas caixas de ata un 20%; introducir criterios de transparencia e democratización; establecer mecanismos que permitisen un mellor control das entidades , así como unha mellor coordinación da acción social”. Pedro Puy que sinalou o “carácter especial” das caixas de aforro, asegurou que a lei “tentou buscar unha representación plural da sociedade nas caixas, tendo en conta ademais a proporcionalidade” , xa que segundo Puy “a maior pluralidade, mellor toma de decisións”.
Pola súa banda o parlamentario socialista, Abel Losada, asegurou que a lei foi aprobada cun claro obxectivo político: “o de diminuír a representación de axentes políticos cun papel relevante nas caixas” un argumento que defendeu asegurando que en Caixanova que conta actualmente con dous representantes do Concello de Vigo, estes veríanse reducidos a cero caso de producirse a fusión. Para Losada a intención intervencionista do Goberno galego queda clara no feito de que “o PP saltou a independencia dos xestores e fixo unha lei para cambialos”.

O recurso do Goberno central e a defensa da galeguidade

En relación co recurso presentado polo Goberno central contra a Lei de Caixas, recurso que hoxe foi admitido a trámite polo Tribunal Constitucional, tanto Blanco como Puy coincidiron no carácter político da medida, así como no ataque que consideran supón para a autonomía de Galicia. Así Fernando Blanco cualificou e “inxusta” a situación na que se atopa Galicia a raíz da presentación do recurso, ao tempo que asegurou “que o recurso é político porque hai artigos recorridos na lei galega que están admitidos noutras comunidades autónomas”. Un argumento que o socialista Abel Losada rexeitou, retando ao BNG e ao PPdG a que dixesen que artigo dos recorridos polo Goberno central é exactamente igual aos permitidos noutras autonomías. Así mesmo Losada asegurou que outros artigos recorridos non existen noutras comunidades.
Pola súa banda o popular Pedro Puy centrou as críticas á decisión do Goberno central no ataque que considera supón para o autogoberno de Galicia. “Aplícase unha receita que Galicia no merece” afirmou Puy “e que pon en risco o autogoberno”. Puy que deu lectura a varios artigos das leis de caixas de Cataluña, Andalucía ou Estremadura para defender a redacción da lei galega no apartado referido á salvagarda da obra social, tachou de “indignante” a actitude do executivo central ao que acusou de empregar un “mecanismo espurio” para paralizar a aplicación dunha norma “por que non lle gusta a redacción dun artigo. A defensa realizada por Puy do autogoberno de Galicia, foi cualificado por Losada de “soberanista e sorprendente” ao que o deputado do PPdG respondeu autocualificandose de “perigoso autonomista”. “Oxalá”, dixo Puy “que as caixas galegas puidesen seguir soas, pero elas mesmas recoñecen que non poden e nos queremos manter a galeguidade e non recorrer a cousas irrecorribles”.
Xa na quenda de preguntas o nacionalista Fernando Blanco manifestou a súa preocupación pola previsible desaparición de ata 1200 postos de traballo como consecuencia da fusión das caixas galegas, e asegurou que “haberá que reducilo ao mínimo”. Pola súa banda Losada recriminou ao PPdG a utilización dun discurso de “unidade” que responde, asegurou, a intereses políticos e Puy lamentou a actitude do PSdG que afirmou “nos pode levar a perder as dúas caixas galegas”, ao tempo que volveu incidir na paridade do proceso de fusión que se formula la Lei de Caixas.