DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde este martes e ata o mércores da próxima semana o Vidal Bolaño acollerá seis representacións

Galicia e América Central van da man na XII edición da Miteu no campus de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 19/04/2010

Textos de María Zambrano, Suso de Toro, Lluisa Cunille ou William Shakespeare son os piares sobre os que se sustenta Residuos, a obra coa que a Aula de Teatro da Universidade de Vigo alzará ese martes 20 de abril o pano da XII Mostra de Teatro Universitario do campus de Vigo. Ao longo de seis días sucederanse no Teatro Vidal Bolaño as representacións de compañías universitarias galegas, así como de artistas chegados de O Salvador e Honduras. Nesta “cita de referencia do teatro universitario”, termos que a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, emprega para referirse á Miteu, o público poderá achegarse ao traballo que partindo de textos propios ou alleos, poñerán en escena as aulas de teatro da Universidade de Vigo dos campus de Pontevedra e Vigo; o grupo Maricastaña da Aula de Teatro Universitaria de Ourense; os grupos Bambú e La Cocina Teatro de Honduras e O Salvador e o cantautor hondureño Mario de Mezapa.
“O teatro”, asegura Mª del Carmen Cabeza, “é como toda arte, unha ferramenta que permite desenvolver a creatividade, a crítica, a liberdade, o respecto; contribúen en definitiva á formación das persoas en xeral e dos universitarios en particular”. Así o alumnado da Universidade de Vigo, pero tamén os afeccionados ao teatro en xeral, poderán os días 20, 21, 22, , 26, 27 e 28 de abril, entrar en contacto co traballo de actores e actrices que aínda que están lonxe xeograficamente, permanecen unidos pola súa paixón polo teatro.

Producións universitarias e centroamericanas

“Partindo do tema de O Mito, conformamos con ecos, resóns, desexos e temores que son comúns ao xénero humano, o espectáculo Residuos”, explica Pepa Barreiro, directora da Aula de Teatro da Universidade de Vigo do campus de Vigo. Esta obra que abrirá este martes 20 de abril ás 18.30 a XII edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario en Vigo, “colleita e recicla residuos que con palabras usadas conforman o espectáculo”, explica Barreiro.
O mércores 22, Mariano Rodríguez e Edgar Valeriano que forman o grupo Bambú ofrecerán un espectáculo de narración oral escénica, baseado nunha recompilación de diferentes autores e historias de Latinoamérica. Historias y más historias de Edgar Valeriano e Leonardo Montes de Oca é unha homenaxe a, como explican os autores da obra, “eses seres máxicos que nos enchen de imaxinación e nos provocan soños, os contacontos”.
O xoves 23 a Miteu afondará no problema da verdade e a identidade das persoas en desequilibrio coa xustiza. A través dunha narrativa fragmentada e labiríntica La cocina teatro porá en escena El secreto máis terrible, na que a partir de Potestad de Eduardo Pavloski o grupo de O Salvador introduce ao espectador no reconto dos detalles que ocorreron na tarde na que se produciu o rapto da única filla do protagonista.
Tras un parón de tres días, o teatro volverá ao Vidal Bolaño o luns 26 da man da Aula de Teatro Universitario de Ourense. O grupo Maricastaña representará desta volta na Miteu Odisea espacial a partir da obra de Arthur C. Clarke. Baixo a dirección de Fernando Dacosta, esta é a primeira vez que Maricastaña se introduce no mundo da ciencia-ficción para achegarlle ao público unha reflexión sobre a existencia humana na inmensidade do cosmos.
A Aula de Teatro da Universidade de Vigo do campus de Pontevedra presentará ao día seguinte a obra de Manuel Lourenzo, Eclipses, unha colección de pequenas pezas teatrais. Baixo a dirección de Salvador del Río a aula de teatro do campus pontevedrés porá en escena unha representación sen revestimentos nin adornos, indirecto como a propia vida, nado dunha profunda vocación desestabilizadora.
O mércores 28 de abril, a Miteu baixará o pano no campus de Vigo cunha representación a cargo do cantautor hondureño Mario de Mezapa. Mario Ernesto Castro, coñecido artisticamente como Mario de Mezapa, ofrecerá unha ollada crúa e honesta sobre a poesía nada do pobo e que dende o pobo se entende, aprecia e goza, que deu en denominar De sucias, cadejos y cucuruchos.