DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde hoxe e ata o sábado en Ribadeo

Galicia, Asturias e León afondan nos puntos comúns das súas culturas na IV edición da Escola Fermín Penzol

Organizada pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI DUVI 07/11/2008
Catro anos despois, Ribadeo volve a ser a sede dunha nova edición da Escola Fermín Penzol. A partir desta tarde e ata o sábado a vila da Mariña será o punto de encontro de Galicia, Asturias e León para afondar nos puntos comúns das súas culturas e en todo aquilo que as identifica. Organizada pola Área de Normalización Lingüística da Universidade en colaboración co Concello de Ribadeo e a Asociación Cultural Santirso del Eo, esta cuarta edición da Escola Fermín Penzol tratará polo miúdo as compoñentes culturais da comarca Eo-Navia, dende a poesía e a literatura en prosa, pasando polo teatro, a música e a historia. Para isto contarase coa presenza de destacados persoeiros destes campos que protagonizarán mesas redondas, recitais, conferencias e exposicións."Trátase", asegura o director da Área de Normalizacion Lingüística da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas " de homenaxear non só a un dos maiores bibliógrafos, se non una gran galeguista e dinamizador do galeguismo en Madrid, onde creou o Partido Galeguista".
Ao abeiro desta iniciativa presentarase tamén A herdade que nós temos. Historia e escolma da prosa do Eo-Navia, un libro de Suso F. Acevedo que fai percorrido pola historia e a tradición da prosa en galego nestas terras. Editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, a obra afonda nos diferentes períodos polos que pasou esta literatura dende o medievo ata a actualidade, incluíndo, como sinala Xosé Henrique Costas, "unha escolma non só de prosa literaria, se non de poesía e xornalismo que reflicte a grande vitalidade cultura desta área".

Un amplo e completo programa cultural

O director da Área de Normalización Lingüística da Universidade, Xosé Henrique Costas; o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez e a concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez son os encargado de inaugurar esta tarde o programa, con dará comezo coa conferencia de Suso F. Acevedo e a presentación do seu libro. A partir das 18.30 horas celebrarase un recital de poetas de Galicia e da terra Eo-Navia para o que se conta coa presenza de autores de diferentes comarcas do país como Aurora G. Rivas, de Santiso; Lucía Iglesias, de Vilanova; Quique de Roxíos, de Boal; Belén Rico Prieto, da Veiga; Xabier Xil Xardón, da Limia; Anxo Ratel, do Val Miñor; Silvia Penas, do Val do Fragoso; Eva Moreda, de Ribadeo e Isaac Xubín das Mariñas. A xornada deste venres péchase coa representación de A casa de Bernarda Alba da man da Escola de Teatro de Ribadeo.
A xornada do sábado ás 9.30 horas coa conferencia de Rita Bugallo sobre o teatro no Eo-Navia e continuará cun relatorio sobre as fotografías antigas da comarca e a presentación da exposición Eo-Navia en imaxes, da man de Carlos X. Varela Aenlle. Ás 11.15 farase entrega do 1º Premio Fermín Penzol co que se pretende destacar a implicación e o traballo a prol da defensa da lingua e a cultura tradicional. Deseguido terá lugar unha mesa redonda sobre o presente e futuro da música tradicional en Galicia e no occidente de Asturias, moderada por Xavier Campos e coa presenza de Abel Pérez, director da Escola de Música Tradicional Santiso de Abres e Xaquín Xesteira, membro de Treixadura e profesor de gaita na Universidade Popular de Vigo. A xornada rematará cunha homenaxe musical e literaria a Fermín Penzol que se celebrará no cemiterio de Castropol, onde está soterrado. A tarde está dedicada a actividade máis lúdica, cunha visita guiada polas terras do Eo-Navia e un magosto a partir das 21.00 horas nos Teixois-Taramundi.