DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto de apertura do curso Enerxías Renovables e Medio Ambiente

“Galicia está chamada a ser pioneira no campo da biomasa”, segundo o director da E.U. de Enxeñaría Técnica Forestal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 22/10/2007

“Galicia é unha comunidade privilexiada porque nela prodúcese a metade de toda a produción de madeira do estado español, polo tanto está chamada a ser pioneira no campo da biomasa” declarou o director da E.U.E.T. Forestal, Luis Ortiz, na apertura dun curso sobre Enerxías Renovables e Medio Ambiente.
Este é o segundo ano que a Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal acolle con éxito este curso, cubrindo a totalidade das 50 prazas ofertadas. O programa conta con dous módulos, un teórico e un práctico, que se desenvolverán todos os luns desde o 22 de outubro ata o 10 de decembro. O primeiro módulo comezou este luns coa ponencia “A biomasa como fonte de enerxía renovable” impartida polo coordinador de proxectos de biomasa do Instituto de Enerxías Renovables do CIEMAT, Dr. Juan Carrasco.
O anfitrión do acto, Luis Ortiz, destacou a importancia do sector das enerxías renovables e o papel fundamental que desempeña a comunidade galega no campo da biomasa. Ortiz agradeceu tamén a colaboración do Grupo Ence coa Universidade de Vigo e especialmente a súa participación neste curso, enmarcado dentro das actividades da cátedra que leva o nome desta empresa.
Pola súa banda, o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, destacou que este tipo de cursos son moi importantes de cara á integración dos estudantes no mundo laboral. Tamén lembrou que desde a Universidade tense moi presente o eido das enerxías renovables poñendo como exemplo a posta en marcha dos plans Suma e Vedra.
Este curso forma parte da iniciativa Aula-Empresa, un programa da Universidade que ten como finalidade implicar ás empresas e institucións na incorporación dos seus coñecementos e habilidades ao programa formativo non regulado. Deste xeito, os estudantes poden adquirir as habilidades non incluídas nos plans de estudo e de interese na súa actividade profesional futura.