DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se puxo de manifesto no curso “Deporte, empresa e sociedade"

Galicia conta con excelentes recursos para a práctica do turismo deportivo

Xosé Antón Jardón foi o relator da conferencia inaugural

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 29/10/2008

Turismo e deporte son dúas actividades intimamente relacionadas que teñen moita relevancia económica e social. Por iso, na terceira edición do curso Deporte, empresa e sociedade: a promoción turística a través do deporte, decidiron, os seus organizadores, centrarse nas actividades deportivas como vehículo de proxección e comunicación dos destinos turísticos.Para esta finalidade contarán con “participantes excepcionais, chegados de Galicia e de outras partes de España, que transmitirán a súa experiencia e coñecemento neste eido”, comentou José Antonio Fraiz Brea, coordinador do curso e profesor da Universidade.
O decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, José Carlos Yáñez López, que tamén estivo presente no acto inaugural, destacou que as xornadas permitirán “coñecer novas posibilidades e perspectivas, turisticamente falando”. Por outra banda, esta actividade “inscríbese na vontade que ten a Universidade de ser un instrumento de formación continua”, salientou Yáñez, de xeito que “calquera persoa poida achegarse ata aquí para recibir información precisa para enfrontarse aos seus retos laborais”, explicou o decano. Beatriz Fernández Anguiano, directora da Obra Social Caixa Galicia, mostrou o seu acordo con Yáñez xa que “a universidade e a sociedade deben camiñar xuntas”, comentou.
Pola súa parte, Xosé Antón Jardón Dacal, delegado provincial da Consellería de Innovación e Industria, fixo referencia a crise económica que “de seguro vai a provocar cambios nos hábitos turísticos da cidadanía”, por iso é necesario contar con “xente formada con ideas innovadoras que fagan achegas neste aspecto”, apuntou Jardón.

Cambios no turismo

Jardón foi o encargado de inaugurar as xornadas cun relatorio centrado nos novos hábitos turísticos, as posibilidades de Galicia para adaptarse aos cambios e as estratexias que a Consellería de Innovación e Industria ten planeadas para este campo.
A tendencia actual é a práctica do turismo activo, que non se centra no patrimonio artístico, cultural e gastronómico dos destinos, senón que se interesa máis por actividades de tipo deportivo. Galicia conta con “características idóneas para a práctica de determinados deportes en emerxencia”, afirmou o delegado, “as peculiaridades xeográficas e naturais da nosa comunidade convértennos nun dos mellores escenarios para a práctica de actividades como o golf, a pesca recreativa, o sendeirismo ou os deportes náuticos”, proseguiu.
O deporte vai ser un dos elementos que condicionarán o turismo dos próximos anos, por iso desde a Consellería, “insistimos na importancia de facer paquetes turísticos que ademais de aspectos patrimoniais e gastronómicos inclúan actividades de ocio relacionadas coa práctica de deportes”, recalcou Jardón. As iniciativas que se levan a cabo na nosa comunidade neste momento, teñen por obxectivo potenciar este tipo de turismo pero “dun xeito sostible e accesible tanto na costa coma no interior”, engadiu o delegado.
Un reto fundamental para Galicia é desestacionalizar o turismo, algo que se pode conseguir grazas as actividades turístico-deportivas que se están a consolidar como “un dos produtos que presenta unha demanda estable e que experimenta un maior aporte de elementos innovadores e de signos de adaptación ao mercado”, concluíu Jardón.

Axuste de horarios

Coa intención de ser operativos e de poder gozar da actividade de turismo deportivo con máis calma, os organizadores do curso decidiron acurtar as intervencións do relatores da xornada do venres 31. Grazas a este axuste de horarios a saída do embarcadoiro da Ribeira Sacra será ás 13.30 horas, o que permitirá aos participantes gozar da paisaxe da ruta polo río Sil mentres comen. Esta actividade lúdica será a encargada de poñer o remate final as xornadas.