DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro da programación cultural de outono

Galicia e Cuba unidas por un documental que se proxecta esta tarde nas Casa das Campás

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 20/10/2010

A Casa das Campás acolle esta tarde a proxeción do documental Galicia e Cuba, unha peza dirixida polo cineasta Ernesto Daranas e producida por Natasha Vázquez, quen explica que “a intención da obra é afondar en dúas maneiras diferentes de vivir e afrontar temas tan intrínsecos ao ser humano como son a relixión e a espiritualidade”.

A obra establece unha comparativa entre dúas peregrinacións que contan con fieis seguidores nos seus respectivos ámbitos: o Camiño de Santiago e a ruta de San Lázaro en Rincón, unha vila situada preto de La Habana. “Este documental quere mostrar que a pesar das diferenzas culturais, no fondo as diverxencias non son tan insalvables como puidera parecer a simple vista”, segundo razona a productora.

A obra, que foi estreada nos escearios ourensáns e cubanos, forma parte da programación de outono da Casa das Campás. “Nos pases anteriores quedamos moi contentos. Cremos que o resultado é interesante e que ao público lle gusta, polo que agardamos que sexa un éxito”, explica Vázquez. Nesta ocasión, o pase, que comezará ás seis e media da tarde, irá precedido dunha conferencia na que Natasha Vázquez explicará a razón de ser da peza.

Ruta de San Lázaro no Rincón

O Santuario católico de San Lázaro é un dos lugares de maior devoción en Cuba. Cada 17 de decembro milleiros de persoas visitan esta pequena igrexa, de dimensións similares ás dunha ermida, situada na vila de Rincón, moi preto de Santiago de las Vegas.