DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o I Informe de Conxuntura Socioeconómica do Ano 2017 presentado este xoves

Galicia mantén un crecemento do 3,1% pero perde competitividade

O documento tamén destaca os datos da economía relacionada co mar

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 16/03/2017

Este xoves, o Foro Económico de Galicia, liderado polo Grupo Gen (Governance and Economics Research Network) da Universidade de Vigo, presentou o I Informe de Conxuntura Socioeconómica do Ano 2017. Nel, os expertos salientan como “o relativo dinamismo que acompaña desde 2016 o crecemento da economía galega non dá para recuperar unha competitividade lastrada por factores de eficiencia, ao tempo que o mercado laboral segue amosando preocupantes datos de temporalidade e incremento do paro de longa duración”.

A presentación do estudo, que tivo lugar no Centro Social Abanca de Santiago de Compostela, contou coa participación de Fernando González Laxe, coordinador do informe; Santiago Lago, catedrático da Universidade de Vigo e director do Foro Económico de Galicia, José Francisco Armesto. Nesta ocasión, xunto coa análise das contas económicas do primeiro trimestre do ano e a síntese estatística dos indicadores de conxuntura, o informe presentado complétase cun apartado sobre os saldos fiscais e saldos externos en España, elaborado por Albino Prada; e sobre a nova economía do mar e o futuro da industria marítimo-portuaria, escrito por Fernando González Laxe.

O 3,1% do crecemento medio co que pechou Galicia 2016, sinalan en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, permitiu reducir en certa medida o diferencial coa evolución do PIB do estado. "No segundo semestre do pasado ano o diferencial foi mesmo positivo para Galicia, con taxas de crecemento interanual superiores ás do territorio español, se ben o ritmo se moderou no cuarto trimestre. Porén, o exame da demanda interna ou externa e do mercado laboral seguen lastrando a economía galega nestes comezos do 2017", indican. Respecto ao primeiro, detallan os expertos, a capacidade de gasto diminúe con respecto ao ano 2015 (perde 0,3 décimas) igual que sucedeu no resto do territorio español (onde a perda aumenta a 0,5 décimas). “O dato máis preocupante é o aumento do número de fogares galegos que non contan con ningunha prestación: 37.000 (4100 máis que en 2015)”, subliñan desde o Foro Económico. Polo que respecta ao sector exterior, o informe apunta que Galicia incrementou en 0,6 décimas a súa contribución ao conxunto do PIB con respecto ao 2015. “Os problemas neste caso veñen de elevada concentración xeográfica e sectorial dos destinos de exportación, así como dun descenso da inversión no sector exterior”, recolle o documento presentado este xoves.

Menos paro e menos poboación activa

Os indicadores de emprego, indican desde o Foro Económico de Galicia, amosan taxas de crecemento positivas deixando a taxa de desemprego en 17,2%, a máis baixa desde 2010. “O mellor comportamento do mercado laboral tampouco logra deter a caída da poboación activa. Os datos da EPA estiman que a poboación activa en 2016 descendeu un 0,4% en Galicia respecto ao ano anterior, acadando as 1.256.100 persoas (4600 activos menos). No período 2014/2016 a poboación activa galega descendeu en case 35.000 persoas”, recolle o informe. Polo que respecta á traxa de temporalidade, aumentou ata o 26,2% en 2016, 0,8 décimas máis que o ano anterior. “En resumo, a recuperación económica non chega a frear as debilidades do mercado laboral en Galicia”, afirman os expertos.

Xunto ao exame dos principais factores que inciden na economía galega, o Informe do Foro Económico de Galicia achega tamén un estudo sobre Saldos fiscais e saldos externos en España, de Albino Prada, que parte da cuestión de se o gasto de fogares e administracións públicas depende só do nivel de riqueza de cada autonomía ou tamén das rendas transferidas desde comunidades máis ricas.

A nova economía do mar

Este primeiro informe de 2017 inclúe ademais un estudo específico sobre A nova economía do mar e o futuro da industria marítima-portuaria, de Fernando González Laxe, cun apartado especial sobre a comparación entre os tráficos portuarios galegos e os de Leixoes (Portugal). O traballo afonda nos cambios que debe afrontar a industria do mar "nun contexto de máxima explotación de recursos e expectativas de crecemento, emprego e innovación". No estudo afírmase que a economía do mar duplicará as súas cifras de valor e emprego antes de 2030 e sinálase a necesidade dunha estratexia marítima integral en España.

O autor do estudo afirma que a economía dos diversos sectores marítimos contribúen nun 2,5% ao valor engadido mundial e xera un total de 31 millóns de empregos. O traballo denuncia "o escaso interese" de España en adoptar unha estratexia marítima pola que apostan países como Portugal, Reino Unido, Francia ou Irlanda. Esa política debería integrar, segundo o autor do traballo, a todos os sectores de actividade relacionadas coa economía do mar, especialmente aqueles que presentan estimacións dun maior incremento na súa contribución ao valor engadido no horizonte de 2030, como son as enerxías eólicas mariñas (24,52%), as actividades portuarias (4,58%), as industrias de procesado de pesca (6,26%) ou a industria da acuicultura (5,69%).