DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se establece na tese de doutoramento de Natalia Quintas Froufe

“Galicia Moda”, o proxecto sobre o que creceron as grandes empresas do sector téxtil

A través de accións comunicativas o programa derivou na creación do concepto "moda galega"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 24/09/2008

O proxecto Galicia Moda, un programa impulsor do sector téxtil na nosa comunidade na década dos 80, constituíu os cimentos sobre os que posteriormente se desenvolverían as grandes empresas de confección galegas. Esta é a principal conclusión á que chegou Natalia Quintas Froufe na súa tese de doutoramento, na que a autora decidiu vincular a súa paixón pola moda e a súa profesión no eido da comunicación. Deste xeito, a investigadora, que actualmente imparte clases na Universidad de Alicante, comezou unha análise da imaxe da industria téxtil galega, un amplo percorrido no que se atopou co programa Galicia Moda e sobre o que, pola súa extensión e peso na sociedade do momento, decidiu centrar a súa investigación.
No proceso de reconstrución do proxecto, Natalia Quintas descubriu que baixo o nome de Galicia Moda púxose en marcha unha asociación, unha empresa e unha revista que desenvolveron unha serie de accións comunicativas co obxectivo de xerar un valor engadido ao produto de orixe galego. A finalidade da iniciativa era propiciar a creación de marcas competitivas e conseguir, a través de elas, proxectar unha imaxe de país-moda. Segundo explica a autora todas estas actuacións contaron co apoio das administracións públicas, “que impulsaron plans para a promoción desta industria co propósito de consolidar e ampliar a súa posición en mercados nacionais e internacionais”.

Publicacións, actos de RRPP e campañas publicitarias, eixos da comunicación de Galicia Moda

Ao longo do seu estudo, a autora explica que o proxecto Galicia Moda, que se desenvolveu durante o período 1982-1992, sustentábase en tres piares básicos dos que sairían todas as posteriores estratexias comunicativas. En primeiro lugar, a diferenciación, co que se pretendía que os produtos fabricados na comunidade autónoma galega se desmarcaran claramente dos da competencia a través do deseño e a calidade. En segundo lugar, a distribución, coa que se modernizaron todos os sistemas tradicionais daquela xa obsoletos e, en último lugar, a imaxe, co obxectivo de crear un prestixio para o conxunto do sector.
Ademais, segundo apunta Natalia Quintas, para poder levar a cabo este novo posicionamento da industria téxtil galega, púxose en marcha un plan de comunicación que incluía a edición da revista Galicia Moda, a organización de certames, campañas de publicidade, actos de relacións públicas e a participación en eventos internacionais de moda.
A publicación foi a principal ferramenta comunicativa, “xa que se creou como un catálogo a través do cal se promocionaba o sector xunto a outros campos artísticos para dar a coñecer a identidade cultural galega”, apuntou a autora, ao que engadiu que “a organización dos certames Luar, posteriormente denominados Luada, consolidáronse como unha plataforma colectiva de promoción para impulsar a calidade da moda galega no interior e exterior da comunidade”.
Pola súa banda, as campañas publicitarias e os diferentes actos de relacións públicas que se levaron a cabo foron fundamentais para o asentamento do programa, que desembocaría anos despois no concepto de moda galega que se coñece actualmente. Entre os eventos máis destacados, a investigadora subliña a primeira cume da moda en Galicia, en 1986, ou a exposición Moda das Esvásticas e Nova Xoiería, en 1987.

Unha investigación en catro capítulos

A tese doutoral defendida na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación baixo a dirección da profesora do centro Aurora García, estrutúrase en catro capítulos, nos que se resumen cinco anos de investigación. Deste xeito, nun primeiro apartado, Natalia Quintas fai unha análise do marco conceptual no que se sitúa o obxecto de estudo para, no segundo epígrafe, reconstruír o programa Galicia Moda mediante unha extensa revisión documental e bibliográfica. O terceiro capítulo céntrase nas principais accións comunicativas que sacaron adiante o proxecto complementándoas cunha análise da difusión que se lle deu nos medios escritos. Finalmente, a xa doutora en Comunicación, recolle unha valoración global, apoiada en entrevistas aos protagonistas e impulsores de Galicia Moda e na documentación publicada sobre o tema.